Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
NO CANTO DO DE ESTRAGOS

A fiscal recúa e fala da posibilidade de que Ugio e Giana sexan imputados por un delito de danos

Este delito ten unha pena asociada de 3 anos, moitos menos dos 15 que terían que cumprir de ser condenados por estragos.

Redacción - 19:40 04/11/2008
Ugio Caamanho e Giana Rodrigues na primeira xornada de xuízo / Imaxe: Galiza Livre.org

Ugio Caamanho e Giana Rodrigues na primeira xornada de xuízo / Imaxe: Galiza Livre.org

No segundo día de xuízo aos dous independentistas galegos, a representante da Fiscalía , Blanca Rodríguez, considerou a Ugio Caamanho autor dun delito de estragos (15 anos), outro delito de emprego ilícito de vehículo (3 anos) e un outro delito continuado de falsidade documental (2 anos), polo que solicita tamén unha multa de 1.440 euros. En canto a Giana Rodrigues, a fiscal pediu que fose condenada por outro delito de estragos e un delito de uso ilícito de vehículo con motor. Porén, Blanca Rodríguez falou da alternativa de substituír ámbolos dous casos de delito de estragos por un delito de danos (que ten unha pena considerabelmente menor, de 3 anos), no caso de que o tribunal "considere excesiva" a cualificación inicial.

Este feito modificaría a condena inicial que se pedía para ámbolos dous independentistas (21 anos para Caamanho e 19 para Rodrigues), de tal xeito que o mozo pasaría a cumprir oito anos de cárcere, e a moza seis.

Segundo día de xuízo
Na mañá desta terza feira, foi lido, ademais, un documento que, supostamente lle tería escrito Ugio Caamanho ao independentista Antón Garcia Matos, Toninho, e que se atopou nun computador que a policía española lle incautou a este último. No escrito, que supostamente redactou Caamanho dende o cárcere, dise que "Aquí hai presos políticos vascos de alto nivel" e exponse a posibilidade de "acordar unha xuntanza con eles para recibir axuda". "Sabedes que nunca nos negaron nada", diría tamén esta carta, no que se acrecentaba a idea de comezar unha campaña en favor da "repatriación de presos políticos galegos".

Porén, o avogado defensor de Caamanho, Endika Zulueta (letrado que conseguiu a absolución de un dos principais procesados no 11-M, Rabei Osman El Sayed, coñecido como O exipcio), pediulle ao tribunal que non tivese en conta este documento, ao tempo que denunciaba a súa "procedencia dubidosa", engadindo que non está acreditado que fose elaborado por calquera dos acusados. Ao tempo, Zulueta denunciou que a suposta carta, escrita en galego, non fora traducida por un intérprete designado pola Audiencia Nacional, senón por un garda civil sen titulación ningunha en Tradución e Interpretación ou Filoloxía Galega e "con intereses concretos na investigación".

Por outro lado, o avogado de Ugio Caamanho tamén defendeu o rexeite ao delito derivado de usar o coche, porque o seu cliente "descoñecía que fose roubado", polo que propuxo unha multa ou a imposición dun traballo á comunidade. Ademais, defendeu que o delito de falsidade non pode ser considerado como continuado, e engadiu que a colocación da bomba non se pode considerar como "estragos" xa que, para isto, debería tratarse dunha "acción de guerra". Pola súa banda, o avogado de Giana Rodrigues, Guillerme Presas, pediu a libre absolución da súa cliente.

Referencias a AMI
Durante a segunda sesión do xuízo tamén compareceu outro perito policial que cualificou a Assembleia da Mocidade Independentista (AMI), colectivo no que militaba Caamanho, como un "grupo subversivo que persegue a independencia de Galiza, e que pretende continuar no camiño da organización terrorista Exército Guerrilleiro do Pobo Galego Ceive , EGPGC). "Non consideramos a AMI como unha organización terrorista, pero si como unha organización radical que non descarta o emprego da violencia", matizou a fiscal Blanca Rodríguez na súa quenda de exposicións finais.

Porén, hai que lembrar que o xulgado Central de Instrución número 1 da Audiencia Nacional abrira unha investigación contra AMI, a coñecida como Operación Castiñeiras, que, finalmente, fora arquivada; porén, aínda continúan abertos varios informes relacionados coa organización.


Ligazóns

5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: