Desenvolvida por Ceivar, a convocatoria ha denunciar tamén a presunta agresión sufrida esta semana polo mozo Santiago Vigo na prisión de Aranjuez.
Ceivar organiza esta primeira cadea humana que, na véspera do Día da Patria, ha xuntar a varias persoas na Praza de Galiza, en Compostela, para denunciar a "dispersión dos presos e presas independentistas galegos e esixir a súa liberdade".
O acto é público, comezará ás 19:30 horas, e nel, ademais do citado, hase denunciar, segundo contan dende Ceivar, o "endurecemento represivo producido nos últimos meses", ao tempo que se sinalan "responsabilidades políticas que existen neste tratamento de excepción".
Neste sentido, tamén se denunciará a presunta malleira que a organización afirma ten recibido o preso independentista Santiago Vigo, a pasada cuarta feira na prisión de Aranjuez, na que se atopa dende hai sete meses.
Varias denuncias de malleiras en Aranjuez
Vigo foi conducido a prestar declaración polas agresións das que presuntamente foi obxecto o pasado 14 de xuño, e, segundo contan dende Ceivar, na viaxe, no mesmo furgón policial, foi agredido por outro preso, "sen que a policía o evitase". Esta organización tamén conta que, xa de volta na prisión, Santiago Vigo "foi espido á forza polos funcionarios e conducido cara o módulo de illamento". Esta quinta de mañá regresaba ao módulo de menores.
Por outro lado, Ceivar tamén informa de que a xuíza de Aranjuez que levaba o caso da primeira denuncia interposta por Vigo sobreseuno, mais vai ser recorrido pola defensa do mozo.
Esta non é a primeira malleira que presuntamento recibiu Vigo dende que está no cárcere. En xaneiro denunciárase unha primeira agresión, ao pouco de seren enviados a prisión Vigo e máis Xosé Manuel Sánchez, os dous mozos detidos o pasado decembro en Portosín (Noia) cando levaban nun vehículo un artefacto explosivo. A seguinte, na que se viran implicados os dous mozos, produciuse só unhas semanas despois. As últimas, que foran denunciadas polos presos galegos cun xaxún de 24 horas, o pasado 14 de xuño.