O mozo foi presuntamente golpeado, a pasada semana, por catro funcionarios do módulo de menores de Aranxuez, no que está recluído.
Giana Gomes, en Ávila; Ugio Caamanho, en Puerto de Santa María, José Manuel Sanches, en Aranxuez; e o propio Santiago Vigo, tamén en Aranxuez, han comezar á media noite desta sexta feira 27 de xuño un xaxún colectivo de 24 horas. Con esta medida pretenden denunciar as presuntas malleiras recibidas por Vigo.
A acción completarase cun envío de cartas explicativas das razóns desta medida ás distintas prisións.
Esta é a primeira iniciativa conxunta que desenvolven os presos independentistas galegos, segundo conta o colectivo Ceivar na súa web, "para denunciar as voltas de porca represivas ás que están a ser sometidos".
"Movemento de solidariedade activa" no país
Por outro lado, xa en Galiza, Ceivar ten pensado organizar unha serie de intervencións públicas polas comarcas para informar do acontecido, ao tempo que se busca a mobilización e a contestación social contra a "represión" e a favor "dos dereitos humanos dentro das cadeas".
O programa de concentracións e accións estará dispoñíbel na web do colectivo nas vindeiras horas, mais, segundo anuncian, está encamiñado a "sinalar responsabilidades políticas", polo que prevén realizar as denuncias públicas perante os representantes do Ministerio do Interior en Galiza (as Subdelegacións do goberno español ou as sedes do PSOE).