Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Análise

O aumento da taxa de morosidade fai que Caixa Galicia venda parte dos seus créditos hipotecarios

Os problemas de liquidez, as vantaxes fiscais e os perigos de dar unha imaxe negativa cara ao público, outros dos posíbeis motivos desta operación.

F. Arrizado - 10:20 12/07/2008
Caixa Galicia estase a desfacer das carteiras con débedas irrecuperábeis

Caixa Galicia estase a desfacer das carteiras con débedas irrecuperábeis

Entidades financeiras de Estados Unidos e da UE relacionadas cos fondos de investimento e de capital risco están literalmente "a facer cola" para comprar activos financeiros no mercado español. A actual crise económica ofrécelles aos inversores grandes oportunidades debido aos descontos na cotización dos mesmos.

Ao abeiro deste panorama enmárcanse operacións realizadas recentemente por firmas como Lehman Brothers, Apollo ou Carval, das que informou esta semana o bufete de avogados Ashurst e que recolle a a axencia de noticias británica Reuters. Datos que normalmente se gardan en segredo nos mercados, afirma esta última.

Estas compañías estanse a fixar en entidades asexadas pola falta de liquidez. Unha destas últimas é Caixa Galicia. Segundo a información achegada, a firma de capital risco estadounidense Apollo adquiriu unha carteira de créditos da caixa de aforros galega, así como tamén outra do español Banco Popular.

Apuros en Caixa Galicia?

Supón isto que Caixa Galicia está a pasar por apuros? Para Xosé Anxo Grandío, colaborador de Vieiros Economía, isto podería indicar que padece importantes problemas de financiamento, e que está a manexar información onde se prevé un aumento da taxa de morosidade entre os seus clientes.

"Cómpre ter en conta que este tipo de operacións só as realizan as entidades financeiras en momentos de dificultades importantes, xa que estes créditos se venden por un prezo moi por debaixo do seu importe real", sinala Grandío.
Ademais, confirmaríase que a previsión entre os expertos é que a crise lle afecte máis ao Estado Español ca a ningún outro mercado europeo, algo en que tamén inflúe a falta de liquidez nos mercados interbancarios.

"Agardamos que continúen as vendas de préstamos con posibilidades de impago", afirmaba a semana pasada Jose Christian Bertram, socio de Ashurst, nunha presentación en Londres a inversores interesados no mercado español, segundo recolle Reuters. Estes poden chegar a comprar facturas cun desconto de mesmo até un 90% do seu valor nominal.

Previsión dunha taxa alta de morosidade

Este dato é discutido por outros expertos que desbotan a posibilidade dunha crise no sector financeiro español, argumentando que as ratios de cobertura de insolvencia no Estado están por riba das da UE. Segundo unha recente análise de stress realizada polo Banco de España -famoso pola súa exixencia na conta de resultados- non habería de que preocuparse aínda no peor dos casos.

Onde non hai lugar a dúbidas é no incremento na taxa de morosidade. Esta mesma semana, o presidente da Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA), Juan Ramón Quintás, anunciaba que esta, situada actualmente por riba do 2%, podería chegar ao 4% en 2009.

"Mudaron bastante as previsións respecto ao próximo ano xa que parece que vai ser o peor de todos", sinalou Quintás. Algo que por outra banda é lóxico, tendo en conta que historicamente sempre se rexistraron niveis moi baixos con respecto á UE.

Isto podería explicar tamén en parte operacións como a realizada por Caixa Galicia. Ante a necesidade de seguir investindo, as entidades financeiras negocian os investimentos de menos calidade, con débedas irrecuperábeis, e ao tempo conseguen dar unha mellor imaxe pública. Por outra banda, permítelles incorrer en perdas, algo que a nivel fiscal lles é máis favorábel.


5/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: