Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
A Corporación cavila saír a bolsa

Caixa Galicia incrementa un 12,4% os beneficios

O volume de negocio alcanzou os 76.333 millóns de euros, un 22 % máis que en 2006 e o dobre que hai tres anos, o que a converte na sexta caixa a nivel estatal.

EP - 09:00 08/02/2008

Caixa Galicia pechou 2007 cun beneficio atribuído ao grupo de 401 millóns de euros, o que supón un incremento do 12,4 % respecto ao ano anterior, segundo anunciou este xoves o director xeneral da entidade, Xosé Luís Méndez.

Na presentación anual de resultados, Xosé Luís Méndez destacou que o volume de negocio alcanzou os 76.333 millóns de euros, un 22 % máis que en 2006 e o dobre que hai tres anos, o que a converte "na sexta caixa" a nivel estatal. O máximo responsable de Caixa Galicia subliñou que a entidade conseguiu mellorar a súa cota de negocio un 0,5 % en Galiza e un 0,18 fóra. Do total, 41.104 millóns corresponden ao total de recursos captados de clientes, que crecen un 20 %, en boa medida debido ao avance dos depósitos a prazo, cun incremento do 31 %.

Pola súa banda, o investimento crediticio sobe un 25 %, até sumar 35.229 millóns de euros. Méndez resaltou o bo comportamento da inversión con familias e pemes, pois o financiamento ao consumo superou o 26 % de crecemento, mentres que a das hipotecas individuais o fixo nun 19,5 %.

As marxes de negocio rexistraron avances por enriba do 20 %. Así, o de intermediación creceu un 22,8 % ata alcanzar os 644 millóns; o básico, un 22,5, para chegar aos 787; o ordinario, un 21,2, ata 1.214 millóns; e o de explotación, un 19,4, co que sumou 728 millóns.

Sen descartar a saída a bolsa
Méndez tamén destacou que a caixa logrou mellorar a súa liquidez en 2007, ao pechalo nunha posición superior aos 5.200 millóns de euros, un 33 % máis que hai un ano. No entanto, admitiu que a taxa de morosidade "tivo un repunte", ao pasar de 0,41 a 0,71, sobre todo a finais do pasado exercicio, que considera que parece anticipar novos subidas para o presente exercicio.

Por iso, a entidade galega incrementou o capítulo de provisións e saneamento un 50,8 %, ata os 266 millóns de euros -con 78 de dotación voluntaria-, para estar mellor preparada para afrontar posibles deterioracións na morosidade nos próximos exercicios, nun contexto de menor crecemento. O total de provisións xenéricas situouse en 2007 nos 736 millóns, co que se mantén no máximo legal. Así, a taxa de cobertura pechou o pasado ano co 289 %.

Caixa Galicia conta cunha carteira valorada en 2.500 millóns de euros, "na que foron perdendo peso as cotizadas", segundo recordou Méndez, e dispón dunhas plusvalías de 1.200 millóns de euros. A Corporación Caixa Galicia continuará estudando novas formas de reforzar o seu proxecto empresarial sen descartar unha posible saída a Bolsa.

Xosé Luís Méndez recordou que en 2007 a entidade abriu "80 novas oficinas" completando un total de 893, das que 478 están en Galiza, co que no primeiro trimestre deste ano se chegará ás 900. Asegurou que no ámbito internacional reforzou a súa presenza en Panamá e Brasil, polo que conta "coa primeira rede exterior dunha caixa de aforros, con 620 millóns de negocio e 80.000 clientes".

En total, Caixa Galicia supera os dous millóns de clientes, tras incrementalos en 126.000 en 2007, cunha media de cinco produtos contratados por cada un. O director xeral subliñou que a plataforma en rede posibilita que "o 62 % das operacións xa se fan fóra da oficina", un total de 1,25 millóns. Ademais, a banca electrónica contabiliza 550.000 clientes e o servizo Caixa Móvil rexistrou 145.000 operacións.

Méndez detallou que Caixa Premier, servizo especializado "en captación", dispón de 20.000 clientes singulares con 2.500 millóns de xestión, aos que a entidade busca "optimizar a súa rendibilidade financeira-fiscal"; Caixa Pemes, 4.000 con 5.300 millóns; mentres que os case 6.000 prescritores achegan 776 millóns de negocio.

En canto á Obra Social, o director xeral sinalou que o presuposto crecerá un 25 %, ata os 112 millóns de euros en 2008, o que converterá a Caixa Galicia "no terceiro axente sociocultural" do Estado, só por detrás de La Caixa e Caixa Madrid. O ano pasado 3,5 millóns de persoas beneficiáronse das actividades programadas con presenza en 240 municipios.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: