Son David Cal, Pablo Cimadevila, Fernando Echávarri, Antón Paz, Gómez Noya e Chano Rodríguez.
David Cal, Fernando Echávarri, Antón Paz, Xavier Gómez Noya, Pablo Cimadevila e Sebastián Rodríguez, Chano, recibiron xa a comunicación da concesión do premio para os deportistas galegos que xa están clasificados para as Olimpíadas, que outorga a Dirección Xeral para o Deporte. Cada un deles ha recibir 15 mil euros.
Ademais deles seis, hai outros deportistas que están a piques de recibir as 28 axudas Camiño a Beixín, que terán que ser completadas, até aos 15 mil euros, no caso de se clasificaren en datas posteriores á xuntanza da comisión avaliadora que as concede. Nos próximos días os deportistas seleccionados serán informados da aprobación desta subvención, dedicadas a axudarlles na súa preparación para conseguir pasaporte para Beixín.
Actividades para todo o mundo
Todas estas axudas fan parte do programa Galiza, Nos Xogos Olímpicos de Beixín, na que se contemplan accións para as e os deportistas (os premios), e para a sociedade en xeral. Nesta segunda liña, e dende hai uns meses, a carpa Galiza, nos Xogos Olímpicos está realizando unha itinerancia polo país. Nela pódense practicar deportes, acceder a información sobre os nosos olímpicos e var algunhas das exhibicións dos deportistas da elite.
Esta quinta feira, a carpa estará en Ourense e alí permanecerá até domingo, nas instalacións deportivas de Monterrei.
No acto de inauguración, os integrantes do equipo de natación sincronizada do CN Pabellón Ourense realizarán unha exhibición.