A galega debutou coa selección estatal no Preolímpico. Tras perder contra Brasil, a única oportunidade que lles queda é gañarlle a Cuba. Con ela chegarían a 11 os galegos olímpicos.
Tamara Abalde coa selección estatal
A selección estatal de baloncesto feminino xoga esta sexta feira, ás 12:45 horas, o pasaporte directo para Beixín 2008 ante Cuba, un rival máis do que poderoso.
O combinado estatal, no que se atopa a galega Tamara Abalde, debe pasar este partido de cuartos para conseguir un dos catro pases para as Olimpíadas. As gañadoras dos catro emparellamentos aseguran o seu billete para os XXOO. O quinto pasaporte que pon o torneo preolímpico en xogo disputarase entre os catro restantes, que loitarán pola quinta praza.
A selección estatal ten ao seu favor un ritmo moi alto de xogo, unha defensa asfixiante e un ataque baseado nas transicións que lle podería dar a vitoria ante Cuba. As cubanas, polo seu lado, teñen a Yakelin Plutín, unha das xogadoras máis destacadas do torneo, sobre todo polos seus contraataques.
No caso de pasar a selección, con Abalde xa serían 12 os galegos que han participar nas Olimpíadas de Beixín 2008: os triatletas Gómez Noya e Raña; os atletas Sandra Aguilar e Santi Pérez; os regatistas Paz e Echávarri; os piragüistas David Cal, Carlos Pérez Rial, Teresa Portela e Sonia Molanes; e o preparador físico da selección estatal de baloncesto masculina, Pepe Casal.