Foron preseleccionados polo Comité Parolímpico Español e han estar en China do 6 ao 17 de setembro. Algúns aínda teñen que acadar as marcas mínimas.
A atleta aprolímpica Susana Rodríguez (á dereita)
Son Lorena Franco (atletismo), Gustavo Nieves (atletismo), Susana Rodríguez Gacio (atletismo), Pablo Cimadevila (natación), José Manuel Prado (boccia), Maximiliano Magi (atletismo) e Álvaro Illobre (tenis en cadeira de rodas) os sete galegos e galegas preseleccionados para a cita parolímpica polo Comité Parolímpico Español, aínda que algúns deles aínda deben conseguir as marcas mínimas para participar nos Xogos.
Prevese que o equipo estatal que acuda a Beixín estea composto por unhas 220 persoas, das cales preto de 120 serán deportistas parolímpicos, e o resto técnicos e demais persoal auxiliar.
O Comité Parolímpico agarda, ademais, que co plan ADOP e o programa Amigo Parolímpico se iguale o resultado dos pasados Xogos Parolímpicos de Atenas 2004: 20 medallas de ouro, 27 de prata e 24 de bronce. Tamén foron moi bos os postos conseguidos no medalleiro nas anteriores edicións dos Xogos: cuarto posto en Barcelona 92; quinto en Atlanta 96; cuarto en Sidney 2000 e sétimo en Atenas 2004.
Por unha medalla parolímpica
Os Xogos Parolímpicos de Beixín han supor todo un acontecemento deportivo de elite, durante o cal máis de 4.000 deportistas duns 130 países competirán pola máis alta distinción: unha medalla parolímpica.
Para Beixín 2008 programáronse 20 deportes e 471 disciplinas, 17 deles compartidos co programa olímpico e outros tres específicos do deporte para minusválidos (boccia, goalball, e rugby en cadeira de rodas). Ademais, este ano haberá unha nova disciplina parolímpica importada dende o programa olímpico: o remo.
Os deportistas parolímpicos han empregar as mesmas instalacións que os olímpicos.