O lanzamento de proxectís en resposta á morte de varios combatentes da resistencia deu paso a un novo bombardeo israelí.
A última tregua foi en novembro de 2006
O goberno de Israel e Hamas suspenderon os ataques esta quinta feira pola mañá tal e como estaba previsto. No entanto, o cesamento do fogo viu precedido de novas agresións, algo que aínda que non incumpre o acordo, deixa moitas dúbidas sobre a duración real que terá a tregua.
Ducias de proxectís palestinos caeron sobre territorio israelí, ao norte de Gaza, en resposta á morte de varios combatentes da resistencia sen provocar feridos. E pouco antes de se cumprir o prazo estabelecido nas negociacións de Exipto (6.00 horas; 8.00 horas, en Galiza), outro palestino morría a causa do impacto dun mísil disparado polo Exército de Israel perto da fronteira.
Dende o inicio da tregua, non se produciu ningún incidente violento nin a un nin a outro lado do borde, mais o primeiro ministro israelí, Ehud Olmert, recoñecía esta cuarta feira que "non nos facemos ilusións; a calma é temporal e pode ser moi curta".
Olmert afronta ademais as críticas internas. O pai de Gilad Shalit, o soldado israelí secuestrado hai dous anos na fronteira de Gaza, cargou contra o Executivo por "abandonar" o seu fillo, segundo publica o diario Yediot Aharonot. "É unha república bananeira", dixo.