Os sindicatos agrarios anuncian que non se darán por vencidos até acabar coa imposición unilateral dos prezos por parte das industrias.
Proseguen as manifestacións contra a baixada dos prezos do leite e do vacún. A seguinte protesta será o vindeiro mércores 30 en Compostela, segundo anunciaron os representantes dos tres sindicatos agrarios galegos de forma conxunta. Con estas accións, os produtores buscan poñer fin ao actual sistema de fixación dos prezos impostos unilateralmente por parte das industrias e que, xunto co incremento dos custes de produción, está a provocar a desaparición de moitas explotacións.
Tras dous meses de mobilizacións, a convocatoria está dirixida a todo o sector do vacún que está a vivir unha das "crises máis grandes da historia" tras a das vacas tolas, segundo afirmou o responsábel de gandería do Sindicato Labrego Galego (SLG), Xabier Gómez. Agárdase unha resposta masiva por parte dos produtores, a manifestación é un "berro desesperado de supervivencia" dos gandeiros galegos, que a pesar da desaparición de moitas explotacións, aínda seguen a ter máis da metade das que existen en todo o Estado, en palabras do secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.
O que reclaman é unha solución, produtores e industrias están condenadas a entenderse, pero o entendemento pasa pola negociación en igualdade de condicións entre as dúas partes. Os gandeiros denuncian que ademais da baixada dos prezos que lles pagan polo leite, as industrias incrementaron os prezos aos consumidores, co que as marxes comerciais se agrandaron en máis do mil por cento. Situación insostíbel cando os produtores están a ter problemas para subsistir debido á suba dos custes de produción.
Até as últimas consecuencias
Os sindicatos confían en que a manifestación do mércores sexa masiva e agardan "encher a Quintana" con máis de 10.000 gandeiros. A partir de aí, realizaranse asembleas conxuntas para debater as accións a seguir. O secretario xeral de Xóvenes Agricultores, Francisco Bello, explicou que están dispostos a seguir coas protestas até as últimas consecuencias e chegar incluso a unha folga de entregas sempre que todos os produtores estean de acordo, "empezarán a verlle as orellas ao lobo cando nos andeis dos supermercados falten os produtos".
Roberto García (UU.AA.) móstrouse máis cauto, e afirmou que apoiarán a medida sempre que os seus partidarios sexan suficientes para que teña repercusión, mentres que o SLG anunciou que medidas deste tipo "necesitan un profundo debate", e que son tan efectivas como calquera outra, sempre que non dividan o sector.