Os produtores baleiraron tres cisternas de Leite Río que estaban aparcadas en Frades, Silleda e Guntín.
Grupos organizados de labregos asaltaron na mañá deste xoves camións cisterna de leite aparcados nos municipios de Frades, Guntín e Silleda. Na acción, os produtores envorcaron 50.000 litros de leite como xeito de protestar pola baixada de prezos que están a sufrir.
Os tres vehículos eran propiedade da empresa Leite Río. Segundo as primeiras informacións, os gandeiros, coas caras cubertas, actuaron en grupos de entre 15 e 20 persoas. Nos camións pintaron o adxectivo “ladróns”.
As accións contra a empresa luguesa teñen lugar logo de que comunicase que tiña previsto reducir 10 céntimos por litro de leite nas facturas do mes de marzo.
Os sindicatos anuncian que a tensión vai ir en aumento (14.15 horas)
Os sindicatos aseguran publicamente que non comparten este tipo de protestas pero matizan que a situación desesperadas de moitas familias está a facer que algúns gandeiros tomen a xustiza pola man. Román Santalla, dirixente de Unións Agrarias, aseguroulle a Vieiros que a situación que viven moitas explotacións é dramática: "a xente responde pola súa conta e non podemos facer nada para controlala". Santalla cargou contra Leite Río á que acusou de querer "meterlle a man no peto" aos gandeiros sen haber ningunha razón de mercado". Este sindicalista considera que o caso é aínda máis grave ao tratarse dunha empresa de capital galego. Por iso, demándalle á Consellaría de Medio Rural que presione á firma para que reconsidere a súa decisión.