O actual presidente acepta que o seu rival ocupe o cargo de primeiro ministro.
O presidente queniano, Mwai Kibaki, e o líder opositor Raila Odinga chegaron a un acordo que pechará a grave crise política e social que vive o país africano dende que en decembro se celebrasen unhas polémicas eleccións presidenciais. Logo dun conflito que lle custou a vida a máis de mil persoas, os dous líderes decidiron repartir as prebendas do poder e comezar unha nova época.
Kibaki incorpora no goberno ao seu rival Odinga, que exercerá como primeiro ministro de Quenia. O acordo entre os dous políticos anunciouno o propio Kibaki na televisión, no discurso podíase ver como o acompañaba o seu rival. Os dous líderes chegaron ao entendemento logo de que intervise a comunidade internacional e que mesmo mediase o ex secretario xeral da ONU Kofi Annan, que xa lograra un compromiso de paz e negociación entre os bandos enfrontados.