Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dous meses despois do Cumio entre a UE e África

Violencia en Quenia e moito máis

Varios países africanos viron agravarse nos últimos meses a violencia e a inseguridade, tanto para a poboación civil como para os cooperantes. Análise de Francisco Rey Marcos.

Francisco Rey Marcos - IECAH - 17:00 09/02/2008

Pasaron apenas dous meses dende o segundo Cumio entre a Unión Europea e África celebrada en Lisboa, e tense a impresión de que os acontecementos fóronnos recordando moitos dos problemas reais aos que se enfronta o continente africano e que non foron tratados no Cumio. Recordemos que naquela ocasión gran parte do debate centrouse ao redor da presenza do presidente de Zimbabwe, Robert Mugabe, e apenas se trataron outros temas relacionados coas situacións de Darfur (Sudán), Somalia, República Democrática do Congo, Chad... e máis, nun intento por dar unha imaxe “positiva” do continente que contribuíse a xustificar a énfase nos aspectos comerciais, fuxiuse deliberadamente e excluíron do debate estas cuestións. E a teimuda realidade recórdanos cada día os verdadeiros problemas aos que se enfrontan os africanos. E con eles todo o planeta.

Dende entón, varios países africanos viron agravarse a violencia, e a inseguridade, que en moitos deles, é crecente, tanto para a poboación civil como para os cooperantes internacionais e traballadores humanitarios que nas últimas semanas comezaron a pagar o seu tributo en vidas humanas.

Neste contexto, o estalido da violencia en Quenia tras as evidencias de fraude electoral o pasado decembro, é especialmente significativo e preocupante porque se produce nun dos países que se presentaba como máis tranquilo, pacífico e con mellores perspectivas de futuro do continente. Dende as eleccións a situación non fixo senón agravarse, e o asasinato deliberado de deputados da oposición durante a última semana supón un fito máis nesta escalada do conflito nun país que é tamén clave dende a perspectiva rexional e que pode contribuír á desestabilización dos países veciños.

Conflictos nun país conformado por diversos grupos étnicos

Pero os fraudulentos resultados electorais e as protestas que xeraron, non son senón a espoleta dun conflito de maior calado que afunde as súas raíces nun enorme país construído sobre a base de moi diversos grupos étnicos e de intereses económicos e políticos que, até agora, atoparan acordos aceptábeis polas partes sobre a base dunha certa repartición e nun contexto de desenvolvemento económico. A agricultura de exportación e o turismo permitiron cifras de crecemento bastante superiores a outros países da rexión, aínda que a pobreza siga a ser o pano de fondo inescusábel. O intento do líder gobernamental Mwai Kibaki de permanecer no poder a calquera prezo, manipulando os resultados electorais, rompe ese delicado equilibrio e foi o desencadeamento dos violentos sucesos que vivimos.

Lembremos que este tipo de situacións, lamentabelmente, non son tan infrecuentes. A antiga Iugoslavia era presentada, como Quenia, como modelo de convivencia e integración de diferentes comunidades durante décadas, e en moi pouco tempo tras a morte de Perico desencadeouse unha das máis crueis guerras do século XX. Comprender as dinámicas que conducen dende situacións aparentemente pacíficas a estalidos de violencia é, evidentemente, moi complexo. Pero debemos evitar, en calquera caso, simplificacións como falar de guerras tribais, étnicas, violencias caóticas, ou outras denominacións que ocultan a complexidade de conflitos que teñen outros moitos elementos económicos e políticos na súa orixe. Tanto desde a perspectiva interna como internacional. Ou é que os países occidentais antigas potencias coloniais non teñen intereses en Quenia? Todos eses elementos están presentes en Quenia e non esquezamos que o presidente Kibaki xa intentou mediante un referendo, que finalmente perdeu en 2005, reformar a Constitución para poder perpetuarse no poder.

Os intentos de mediación e negociación encabezados polo ex Secretario Xeral da ONU, Kofi Annan non deron até agora resultados sólidos e a pesar das conversacións que mantivo tanto con Kibaki como co líder opositor Raila Odinga, a violencia estendeuse por varias rexións do país. Até agora con medios moi rudimentarios, pero coa ameaza de que poida comezar a utilizarse armamento máis sofisticado e que involucre directamente ao exército.

A comunidade internacional que unanimemente cuestionou os resultados electorais e pediu un reconto con celeridade, foi, con todo, moi lenta en reaccionar no plano político con maior decisión. Até algúns líderes políticos usaron con demasiada lixeireza termos como limpeza étnica que non se corresponden, polo menos por agora, coa realidade. A coincidencia de que estes días a Unión Africana (UA) celebre o seu Cumio en Adis Abeba (Etiopía) fai esixible que este organismo, bastante pouco eficaz até agora nas súas decisións, aborde o problema e presione ao réxime de Nairobi cara á negociación. O Secretario Xeral da ONU Ban Ki-moon sumouse aos esforzos diplomáticos pero, pese ao principio de acordo ao que se chegou este fin de semana entre Kibaki e Odinga, as perspectivas son pesimistas. O Consello de Seguridade non tomou unha posición firme respecto diso aínda a pesar de que a diplomacia francesa presente un borrador de resolución que fai alusión ao principio de “responsabilidade de protexer” aprobado pola Asemblea Xeral da ONU en 2005.

Violencia tamén noutras zonas de África

A onda de violencia en Quenia non é, con todo, a única situación preocupante no continente africano e iso pode complicar a súa resolución na medida que a atención internacional se disperse. Segundo as últimas noticias, tropas rebeldes controlan Djamena, capital de Chad, precisamente no inicio do despregamento das forzas da Unión Europea que, ao final, tivo que suspenderse. Xa advertiamos do inadecuado desa operación maioritariamente francesa e que, por iso, era vista polos líderes rebeldes como un apoio ao réxime de Idriss Deby.

A situación de seguridade e as súas consecuencias humanitarias degrádase en Somalia e as noticias de Darfur tamén son pesimistas. Lamentabelmente, a historia mostra que este tipo de “perversas coincidencias” afecta á resposta internacional. Non esquezamos que un dos motivos da ausencia de resposta internacional durante o xenocidio de Ruanda en 1994 foi que unhas semanas antes produciuse o fracaso de Somalia e a retirada das tropas americanas. Esperemos que non suceda nesta ocasión.


Ligazóns

5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: