A eléctrica asegura que non tiña a obriga de cumprir de xeito retroactivo o Real Decreto que suprime esas taxas.
Unión Fenosa anunciou este mércores que xa está a devolver de xeito "voluntario" o medio millón de euros que lles cobrou a 5.000 usuarios polo cambio de tarificación despois da supresión da tarifa nocturna. As cantidades, dunha media de 100 euros por persoa, corresponden a taxas dos dereitos de acceso que un decreto do Ministerio de Industria acaba de suprimir.
Segundo fontes da empresa, o proceso de devolución está "en marcha", aínda que non precisaron en que punto se atopa. A eléctrica asegura que os seus clientes recibirán o diñeiro "nos días sucesivos, se non o recibiron xa", e que o proceso "non se prolongará moito no tempo".
As devolucións débense ao Real Decreto publicado a semana pasada no BOE que exime os consumidores "acollidos á nova tarifa 2.0 de discriminación nocturna" do pagamento dos dereitos de acometida da modificación da potencia. Porén, segundo Fenosa, a norma "non ten carácter retroactivo", polo que non ten a "obriga" de facer as devolucións duns cobros que se produciron nun "proceso regulamentario".
Unión Fenosa xustifica a súa acción "por fidelización de clientes", pois "se os outros non van pagar esas cotas, trátase dunha decisión lóxica que se lles devolvan aos consumidores aos que se lles cobraron".