Fernando Blanco criticou a falta de información que achegou o goberno español sobre a supresión, prevista para xullo.
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, criticou este mércores no Parlamento a decisión do goberno español de suprimir a tarifa eléctrica nocturna a partir de xullo. Segundo Blanco, hai que introducir medidas para "reducir o impacto da nova tarifa sobre os consumidores", e considerou que os 180.000 fogares afectados vanse ter que enfrontar a "unha tarifa de difícil xestión".
Para o conselleiro, na redución dos efectos teranse que implicar tanto o Ministerio de Industria como as operadoras, e ofreceu a colaboración da Consellaría. Fernando Blanco dixo, ademais, que segue á "expectativa" dos cambios que anunciou o ministro Joan Clos sobre o decreto de eliminación da tarifa, e criticou que hai un "déficit de información considerábel" arredor do asunto.
Blanco puxo de manifesto que en Galiza sairá máis prexudicada ca o resto do Estado coa supresión da tarifa, e que precisa "máis explicacións, máis información e máis axuda".