A Consellaría que dirixe Fernando Blanco considera necesario repensar as reformas desta medida que afecta a uns 160.000 fogares galegos.
A Consellaría de Innovación e Industria solicitou mediante un escrito dirixido ao Ministerio de Industria, que se manteña a tarifa 2.0 con discriminación nocturna, nos termos nos que se aplicou até o momento coas lóxicas actualizacións periódicas no seu importe. Esta medida afectaría a máis de 160.000 fogares galegos, que se verían obrigados a a substituír a súa actual tarifa eléctrica pola de discriminación horaria nos termos fixados polo Real Decreto 871/2007.
O cambio da tarifa nocturna á de discriminación horaria pode ser, segundo indica o conselleiro de Industria, particularmente delicado para moitos consumidores galegos, debido ao patrón de consumo eléctrico que desenvolven na actualidade, inducido en grande medida pola propia Administración Xeral do Estado e das compañías distribuidoras.
A desinformación por parte do Ministerio aos consumidores incrementa aínda máis a dificultade do cambio, xa que non existe ningún mecanismo para asesorar aos usuarios sobre as cuestións particulares que lles poidan xurdir e porque se lles traslada o custe do cambio de forma unilateral e pouco transparente. Blanco asegura que é necesario valorar os efectos reais desta modificación e estudar un reparto das cargas que inclúa as distribuidoras e a administración estatal.
Liña de axudas
Para diminuír os efectos negativos sobre as economías domésticas, a Consellaría solicita tamén que se habilite unha liña de axudas en función das diferentes variábeis que podería concorrer nesta situación, e que o custe do cambio non recaia tan só nos usuarios. A outra medida necesaria pasaría pola elaboración dunha campaña de información por parte do Ministerio, co fin de orientar de xeito eficaz a todos os que teñan que afrontar o cambio.