Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Lusofonía

Xestionado por Vieiros
RSS de Lusofonía
Perigo ambiental

Portugal achega 43 millóns a Pescanova para a planta de Mira

O goberno luso continúa a apoiar a construción da piscifactoría de rodaballos que non se permitiu instalar en Galiza, a pesar das protestas ecoloxistas.

Redacción - 18:25 01/04/2008

Os representantes do goberno portugués e Pescanova firmaron un acordo para a construción dunha macropiscifactoría de rodaballos no concello luso de Mira. Segundo este convenio, o goberno do país veciño aportará un mínimo de 43 millóns de euros, a pesar de que moitos grupos ecoloxistas reclamen a paralización das obras debido á proximidade do parque acuícola a terreos protexidos.

Con esta medida, o goberno portugués continúa coa súa política de apoio aos proxectos que Pescanova ten previsto realizar en Portugal. A proposta da piscifactoría de rodaballos foi presentada en Mira despois de que a Consellaría de Pesca impedise a súa construción en Galiza, debido a que ocupaba unha franxa da costa incluída na Rede Natura 2000, feito que tamén se repite na localidade portuguesa, segundo afirman os ecoloxistas.

O coordinador da organización ecoloxista Adega, Martiño Cid, afirma que Pescanova vai sacar tallada dos 43 millóns ofrecidos polo goberno luso, xa que "se os dividimos polos postos de traballo que van crear, e engadimos os baixísimos custes laborais os beneficios son desorbitados". Adega recorda que a subvención está financiada por todos os portugueses, e tamén polos petos dos cidadáns europeos.

En zona protexida

A macropiscifactoría representa, segundo Martiño Cid, un "desprezo polo medio ambiente". A construción está situada dentro de terreos incluídos na Rede Natura, ao igual que os falidos proxectos de crear empresas nos cabos Touriñán e Vilán, ao afectar ao complexo dunar de Mira. Neste caso, o impacto non será visíbel a simple vista, xa que os refugallos procedentes da industria "vanse meter mar adentro" co consecuente deterioro dos fondos mariños e da pesca da zona.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: