Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSULTA PÚBLICA

Reconto de cadelas e patacóns nos petos dos membros do Goberno

A web da Xunta publica as declaracións de actividades dos membros do Goberno. A Xunta destaca que con esta iniciativa avánzase no cumprimento da Lei de transparencia e de boas prácticas.

Redacción - 19:25 21/02/2008

A web da Xunta fixo públicas este xoves as declaracións de actividades dos altos cargos do Goberno. En cumprimento da Lei de transparencia e de boas prácticas, xa se pode ver o contido das declaracións do presidente, do presidente e das conselleiras e conselleiros. O resto iranse publicando sucesivamente.

No seu informe, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, declara que só recibe retribucións polo cargo de xefe de Goberno, e non polos cargos de presidente do Consello da Cultura, da Fundación Galicia Europa e do padroado do Cetmar. Tampouco cobra polo seu cargo de parlamentario.

Pola súa banda, Anxo Quintana recibe retribucións polo cargo de vicepresidente da Xunta, mais non como deputado. Só declara cobrar polo seu cargo parlamentario a conselleira de Pesca, Carme Gallego, que tamén recibe retribucións e asistencias como vogal do consello de administración do Igape, mais non como vicepresidenta do padroado do Cetmar nin como presidenta do consello de administración de Intecmar.

O conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, declara a súa situación de servizos especiais como profesor de Ensino Secundario, e afirma recibir retribucións como vogal do Igape e como presidente de Agader. Non cobra, no entanto, por ser presidente da Fogga, nin da Sociedade Anónima de Desenvolvemento Comarcal, de Xenética Fontao nin da Fundación Centro Tecnolóxico da Carne, e tampouco como vogal da Fundación Semana Verde.

Un dos que máis postos acumula é o responsábel de Economía e Facenda, Xosé Ramón Fernández Antonio, que declara percibir asistencias como presidente do Igape, do Cixtec e do consello de administración de Xesgalicia. Non o fai nos cargos de membro do padroado da Fundación Galicia-Europa, da Fundación Galicia-América, da Fundación Arao, vogal do consello de dirección de Agader, vogal do consello de administración do Consorcio de Santiago, como presidente do consello de administración do CEEI-Galicia, nin do Inesga, nin como vicepresidente do padroado da Cidade da Cultura nin como membro do padroado da Fundación Galicia Saúde.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Luís Méndez Romeu, amosa unha longa lista de vinte e cinco cargos dos que di percibir as indemnizacións por asistencia que estabelece a normativa vixente. Deixa sen cubrir as casas sobre a percepción de retribucións a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride. A titular de Educación, Laura Sánchez Piñón, non declara ningunha outra actividade máis ca a de conselleira, o mesmo ca a encargada de Sanidade, María Xosé Rubio.

En Innovación e Industria, Fernando Blanco Álvarez percibe asistencias do Igape e do Inega, e non o fai de Galicia Calidade, Reganosa, Turgalicia, Xacobeo nin da Fundación para o fomento da calidade industrial e do Centro galego da artesanía e o deseño. Non están retribuídos, tampouco, os cargos da conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, no Igaem, a Fundación Cidade da Cultura, o Consorcio de Santiago, o Consello da Cultura, a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, a Fundación Deporte Galego, o CGAC nin o MARCO.

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, cobra asistencias como vicepresidente de Agader, mais non percibe retribucións como parlamentario. Tampouco cobra da Cámara Ricardo Varela, responsábel de Traballo, nin nos seus cargos de presidente do Consello galego de cooperativas, do Consello galego de Formación Profesional nin do Comité autonómico de emprego.

Teresa Táboas, como conselleira de Vivenda, declara que o seu cargo é un posto de control e xestión de valores e activos financeiros e que cobra como presidenta da sociedade pública Solo Empresarial do Atlántico, mais non como presidenta do Instituto Galego da Vivenda e do Solo.

Ademais, o Consello da Xunta aprobou este xoves remitirlle ao Parlamento un informe sobre o grao de cumprimento das obrigas de declaracións de bens patrimoniais e actividades dos altos cargos.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: