Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Por "permitir" a queima dunha imaxe do rei

Multan con 600 euros aos organizadores da manifestación pola autodeterminación de Causa Galiza

A subdelegación do goberno español acusa a tres membros do movemento soberanista galego de "non manter a orde" na manifestación do pasado 6 de decembro en Vigo.

A. Rodríguez - 18:00 22/01/2008
Cartaz da manifestación do 6 de decembro

Cartaz da manifestación do 6 de decembro

Foron tres as persoas, membros da plataforma Causa Galiza, as que pediron, na subdelegación do goberno español en Pontevedra, os permisos para o desenvolvemento da manifestación que tivo lugar o pasado 6 de decembro, pola autodeterminación e contra a constitución española, en Vigo.

Son as mesmas que agora os representantes do goberno español queren multar con 600 euros, por "non manter a orde na manifestación" e "permitir" a queima dunha imaxe, a tamaño natural, do monarca español, que se produciu unha vez terminada a mobilización.

A semana pasada, ademais, a Audiencia Nacional española chamaba a declarar aos tres imputados na queima da efixie do rei, que serán interrogados polo xuíz Grande-Marlaska o vindeiro 29 de xaneiro.

"Queren obstaculizar e castigar ás persoas que promoven actos pola autodeterminación"
Vieiros falou con Óscar Gomes, un dos organizadores da mobilización do 6-D e un dos notificados da posíbel sanción.

A Gomes chegoulle unha notificación e recolleu, a pasada semana, en Correos, unha proposta de sanción administrativa como promotor da manifestación.

Gomes explicoulle a Vieiros que na proposta de sanción recibida "fannos responsábeis (leu textualmente) de non manter a orde ao non ter adoptado medidas axeitadas para evitar a queima da fotografía do xefe de Estado", e "propoñen unha sanción de 600 euros a cada un", comentou.

Tamén lembrou que naquela manifestación non houbo ningún altercado e que a queima das imaxes foi un feito illado, desenvolvido por uns poucos, no que non participaba Causa Galiza coma entidade. "Naquela altura Causa Galiza non se pronunciou ao respecto. Só denunciou publicamente as detencións, producidas minutos despois de terminar a manifestación, e apoiou unha concentración que se desenvolveu diante da comisaría da policía española, en Vigo, solidarizándose coas persoas detidas. A queima da imaxe do rei foi un feito á marxe da mobilización", dixo Óscar Gomes.

Denuncian o acoso contra os militantes de Causa Galiza
Segundo Gomes "non é a primeira vez que hai medidas represivas de 'baixa intensidade' contra o movemento soberanista galego". De feito, esta entidade xa tiña denunciado o "acoso" por parte da garda civil de varios dos seus activistas en Caldas e en Tabeirós. "Días antes da manifestación do 6-D houbo varias identificacións a membros desta iniciativa, e horas despois da manifestación, varios activistas de Causa Galiza foron retidos e rexistrados por efectivos da garda civil" na autoestrada, á altura de Caldas de Reis.

Para Gomes, esta sanción económica "está á marxe do proceso aberto contra as persoas ás que acusan de ter feito a queima do boneco, pero é un medio de presión contra os promotores desta iniciativa", "é un xeito de dar un tirón de orellas, pero non fan presión de forma 'descarnada' -como pode ser cunha carga na que se chegue a ferir á xente-. É un toque de atención para quen 'promova', 'non condene' ou lle 'dea cabida', así entre aspas, aos actos de queima de imaxes do Borbón", terminou.

O movemento soberanista vai facer, alén dunha denuncia pública do feito, un recurso contra as propostas de sanción que ten, segundo Gomes, abondas posibilidades de ir cara adiante: "falando en termos xurídicos, hai moitas posibilidades de evitar a sanción; pero estamos a falar dun asunto político, que non se rexe pola lóxica. As propias autoridades que emitiron a sanción son as que teñen que revisar o noso recurso, e é moi probábel que, debido ás súas motivacións políticas, continúen na mesma", dixo, lembrando que, no caso de que o recurso non saia adiante, queda recorrer á vía penal.


4,3/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha imaxe da manifestación do 6-D, polas rúas de Vigo
Unha imaxe da manifestación do 6-D, polas rúas de Vigo
O momento de lectura do manifesto, terminada a mobilización
O momento de lectura do manifesto, terminada a mobilización
Queiman a imaxe, a tamaño real, do rei, após a lectura do manifesto
Queiman a imaxe, a tamaño real, do rei, após a lectura do manifesto
A concentración en solidariedade cos detidos despois da manifestación
A concentración en solidariedade cos detidos despois da manifestación
Un dos detidos, á súa saída da comisaría
Un dos detidos, á súa saída da comisaría