O xuíz Grande Marlaska interrogará o 29 de xaneiro a tres das catro persoas detidas o pasado 6 de decembro por un presunto delito de "inxurias á Coroa".
Tres dos catro militantes de NÓS-UP detidos o pasado 6 de decembro en Vigo, acusados de queimar un boneco-retrato do rei, recibiron este venres unha citación xudicial para o vindeiro 29 de xaneiro na Audiencia Nacional española.
O xuíz Grande Marlaska vailles tomar declaración polos feitos acontecidos tras a manifestación convocada pola iniciativa autodeterminista Causa Galiza en contra da constitución española, e que poderían constituír un delito de "inxurias á Coroa".
Nun comunicado enviado aos medios, NÓS-UP denuncia que as "instancias oficiais españolas pretenden xudicializar a libre expresión das ideas soberanistas e republicanas".
Ademais, anuncia "a inmediata activación dunha campaña solidaria coa causa do exercicio da liberdade de expresión neste Estado sen dereito chamado España", para o que convocan aos "simpatizantes das diferentes sensibilidades e correntes da nosa esquerda nacional, a facer fronte común".
O 29 de xaneiro, varios buses dispostos por NÓS-UP partirán de Galiza cara a Madrid co fin de realizar unha concentración solidaria cos imputados -que poderían ser condenados a entre seis meses e dous anos de cárcere- fronte ao edificio da Audiencia Nacional española.