Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DIFERENZAS CO PSDEG NA FEGAMP

O BNG readmite os edís suspendidos de Porto do Son, Corcubión e Muros

Os concelleiros tivéranse que sumar ao grupo de non adscritos por incumpriren o pacto asinado entre socialistas e nacionalistas. Agora, o desacordo co PSdeG á hora de elixir a presidencia da Fegamp fixo que o Bloque retirase a medida.

Redacción - 13:43 29/12/2007

A Executiva Nacional do BNG resolveu na súa última reunión levantar a suspensión de militancia e, polo tanto, "restituír todos os seus dereitos a todos os efectos", aos edís de Porto do Son, Corcubión e Muros, contra os que tomara esta medida tras incumprir o acordo de gobernabilidade co PSOE.

O BNG lembrou que, no seu día, esas persoas foran suspendidas de militancia e non se lles permitiu inscribirse nos municipios como "grupo municipal do BNG", debido ao incumprimento pola súa parte do acordo entre BNG e PSdeG-PSOE para a gobernabilidade dos concellos galegos, en virtude dunha liña política de pactos estabelecida polo consello Nacional.

Porén, a Executiva do BNG resolveu que, aínda que o incumprimento dos acordos por parte do PSdeG-PSOE no referente á elección da directiva da Fegamp "non muda" a determinación do BNG de cumprir estes acordos, "si cambia a situación e o contexto creado en relación cos militantes do BNG expedientados".

Deste xeito, a dirección nacionalista considerou que o que xulgaba era unha cuestión estatutaria e non unha valoración da actuación política dos concelleiros de Muros, Porto do Son e Corcubión. Consecuentemente, este órgano decidiu resolver os expedientes coa restitución dos seus dereitos como militantes a todos os efectos.

O BNG acusou os alcaldes do PSdeG de incumpriren e vulneraren o pacto asinado entre nacionalistas e socialistas para impulsar unha presidencia rotatoria na Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na asemblea que este órgano tivo o 22 de novembro.

Reaccións do PSdeG
A dirección do PSdeG-PSOE criticou a decisión do BNG. O secretario de organización dos socialistas, Ricardo Varela, dixo que "con esta decisión non só evita a expulsión dos citados concelleiros senón que lle dá o visto e prace aos gobernos de coalición co PP en Muros e Corcubión e ao pacto de gobernabilidade de Porto do Son".

Varela negou que existise un acordo na Fegamp e tacha a resolución dos nacionalistas de "coartada para non expulsar os concelleiros" que, segundo afirma, vulneraron "o acordo nacional asinado entre o PSdeG e o BNG", e asegura que "a decisión do BNG reflexa a determinación dos nacionalistas de facer gobernos de coalición co PP".


5/5 (24 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: