Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DESENCONTRO

A discusión pola presidencia da Fegamp tensa as relacións entre PSdeG e BNG

Os nacionalistas advirten que se os socialistas incumpren o acordo de rotar o cargo haberá “consecuencias”.

Redacción - 19:08 20/11/2007

O pacto para unha presidencia da Fegamp compartida entre socialistas e nacionalistas volve estar no ar. O PSdeG dá marcha atrás alegando que o PPdeG non participa dun “necesario” consenso a tres bandas. As reaccións non se están a facer esperar. O voceiro do Bloque no Parlamento, Carlos Aymerich, lembrou este martes que “existe un acordo asinado que non dá marxe a moitas interpretacións”. Pero Aymerich foi máis aló, “se alguén quere buscar excusas pode facelo, pero as decisións teñen consecuencias”. Porén, o propio voceiro nacionalista matizou que a crise só afectaría ás relacións dos dous partidos dentro da Fegamp.

Pola súa parte, o voceiro socialista, Ismael Rego, negou que a súa formación rache o pacto porque “inclúe os tres” partidos. Por iso, asegura que, sen o concurso do PPdeG, a fórmula da presidencia rotatoria non é válida porque “debilitaría” a Fegamp.

Detrás da polémica, a estratexia política
A presidencia da Fegamp pode semellar un cargo simbólico que, en realidade, é máis importante do que se pensa debido á súa proxección mediática. Dirixentes nacionalistas consultados por Vieiros recoñecían que na loita tamén hai unha estratexia a máis longo prazo. No seo da organización frontista coidan que o PSdeG quere a presidencia para “contrarrestar” as políticas das consellarías nacionalistas. De feito, sinalan que nos últimos meses houbo críticas “estrañamente” coincidentes do até agora presidente Xosé Crespo (PPdeG) e Manuel Lagares (PSdeG) contra iniciativas como o Consorcio de Igualdade e Benestar.

Mais hai outro factor non menos importante, o BNG non quere que se visualice exclusivamente o poder do PSdeG nunha presidencia de catro anos: “Eles queren demostrar en todos os eidos que son a primeira forza e que nós somos subalternos”, advirte un membro da Executiva Nacional do Bloque.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: