As suxestións da consellaría tamén pretenden adaptar a normativa estatal á realidade do país.
Campaña do rexistro único de demandantes de vivenda protexida
A Consellaría de Vivenda e Solo solicitou unha modificación do Plan de Vivenda 2005-2008 para axilizar o trámite de cualificación de vivenda protexida. O departamento propón máis facilidades para que acade tal distinción unha vivenda libre de nova construción que cumpra os requisitos de prezo e superficie. Deste xeito, o adquirinte poderá acceder a todas as axudas públicas ás que teña dereito.
O texto actual do plan contempla que unha vivenda libre de nova construción se poida cualificar como protexida despois de dous anos de recibir a licenza de primeira ocupación. A consellaría propón reducir o prazo á metade. O departamento dirixido por Teresa Táboas xa lle remitiu o escrito ao Ministerio de Vivenda, argumentando que a medida axilizaría a conversión a protexidas de numerosas vivendas baleiras.
Outra das suxestións da consellaría é suprimir o límite de superficie para as vivendas unifamiliares promovidas no medio rural para o uso propio, que segundo o plan está fixado en 120 metros cadrados. Vivenda pide que non haxa restricións á hora das axudas nas casas deste tipo en concellos de menos de 2.000 habitantes. Actualmente restrínxese a 120 metros cadrados para unidades familiares numerosas e de 90 para o resto, o que impide que moitos demandantes reciban axudas, cando no rural do país son habituais vivendas meirandes.
O terceiro cambio que pide a consellaría é que se modifique o límite de superficie computábel para as axudas á rehabilitación de vivendas, e que se teña en conta a superficie total do inmóbel.