A conselleira de Vivenda, Teresa Táboas, anunciou este mércores a modificación da actual Lei de Ordenación do Territorio, de 1995. Con isto, preténdese contar cun instrumento urbanístico que permita actuar "de xeito directo e con rapidez" na creación de solo residencial para vivenda protexida, sen estar a "expensas" dos ordenamentos urbanísticos municipais. Respecto ao gravame aos pisos baleiros que se prevé adoptar en Cataluña e en Euskadi, fontes da Consellería sinalaron que se estudarán os resultados finais desta medida, mais "a día de hoxe, apostamos por medidas de fomento e incentivo ao propietario para que alugue a súa vivenda, en troques de sancionalo".
Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística (INE), en Galiza existen un total de 230.000 vivendas baleiras, das que tan só 5.000 forman parte do Programa de Vivenda en Aluguer da Xunta. A consellaría basea este programa no incentivo aos propietarios para que se animen a pór no mercado de alugueiro as vivendas que teñen sen ocupar. Así, aqueles que se incorporen a esta rede concédeselles unha axuda de 6.000 euros para que rehabiliten o seu inmoble, garánteselles o cobro dun alugueiro durante cinco anos, e a recuperación da casa no mesmo estado no que se entregou.