Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
PROMESA ELECTORAL BLOQUEADA

O desacordo sobre axudas aos alugueiros frea o plan de vivenda

As diferencias entre os proxectos da ministra de Vivenda e o vicepresidente económico, Pedro Solbes, veñen de adiar a prometida aprobación do plan de vivenda que o goberno tiña prevista para esta mesma semana. Revisar as bonificacións no IRPF ao comprar unha vivenda, eliminar as subhastas de solo público, promover pisos máis baratos vía cooperación entre as administracións ou fomentar o aluguer eran algunhas das medidas previstas.

- 06:13 23/06/2004
Tags:

As medidas fiscais que Pilar Trujillo, ministra de Vivenda, anunciou para as vivendas en alugueiro foron publicamente cuestionadas polo propio ministro de Economía, que preguntado ao respecto dalgún punto declarou non contemplar a posibilidade de aplicar determinadas medidas. O goberno prometeu estes días entre outras cousas que haberá axudas directas para o arrendamento de inmobles á beira de subvencións aos propietarios. A nova situación requeriría consensuar propostas entre os dous ministerios que adiaran a aprobación do plan que o executivo pretendía aprobar esta mesma semana.

Mentres, o prezo da vivenda segue disparándose: en Galiza subiu un 9% no que vai de ano. Así, e aínda sendo a evolución dos prezos máis lenta na nosa comunidade que no resto do Estado, onde a suba media chegou ao 16,94%, o forte aumento, moi por riba da suba media do IPC, castiga especialmente aos galegos á hora de mercar vivenda. As cifras achegan ao 40% do total do soldo a cantidade que os galegos deben adicarlle a este apartado.

Cun custo medio de 841 euros por metro cadrado nos tres primeiros meses do 2003, o prezo da vivenda en Galicia supón ata un 13,6% por enriba das cifras nas que se movía un anoantes, segundo datos da Asociación Hipotecaria Española, que veñen a subliñar os problemas para o acceso a vivenda na nosa comunidade.

Galiza, défice de accesibilidade
O plan de actuacións sobre vivenda presentado o pasado verán polo conselleiro Alberto Núñez Feijoo "é o mesmo de hai dous anos, pendente de execución e aparecendo e desaparecendo en función das necesidades mediáticas do conselleiro de Política Territorial". Eran acusacións do voceiro de infraestructuras do PSdeG, Ismael rego, quen pedía un plan acorde coas necesidades de Galiza e denunciou que a Xunta só construíse 7.200 vivendas públicas en doce anos, "unha media de menos de 500 por ano". Segundo a proposta socialista, sería posible a construcción de 25 mil vivendas públicas para a venda ou aluguer nun prazo de só catro anos e a creación dun parque público de 10 mil vivendas en rexime de aluguer. Na mesma iniciativa parlamentaria solicitan usar a capacidade normativa do IRPF para facilitar o acceso a mozos e familias de renda baixa.

Ademais de caras, baleiras
Un total de de 215.000 vivendas sen habitar do total de tres millóns que habería en todo o Estado, atópanse en Galiza, cifra que nos convirte na segunda comunidade con maior número de vivendas baleiras. A situación denunciabaa a finais de ano o senador lugués do PSOE Luis A. Lago, quen tamén avisou do incremento anual nos últimos cinco anos dos prezos da vivenda por riba do 10%, máis do dobre da media europea, cunha suba acumulada en Galicia de preto do 50%. Nese sentido, o senador lembroaba as advertencias de Banco de España e Consello Económico sobre o endebedamento ao que se ven sometidas as familias, tendo que adicar ata a metade dos ingresos ao pago da vivenda. Ademais, criticou que a porcentaxe de vivendas oficiais se teña reducida a unha quinta parte do total dende a chegada do PP ao goberno central.

Sen ideas claras no escenario
Ao fío lembrámoslles que durante a pasada campaña electoral asociacións de consumidores criticaron a pouca atención das formacións políticas nos seus programas a esta situación, denunciando a escaseza de ideas e as febles propostas. A nivel estatal, a Asociación de Usuarios de Bancos, Caixas e Seguros facía unha análise dos programas dos principais partidos no apartado de vivenda. A conlusión: escasas propostas dos candidatos para frear a suba de prezos. Xa que logo, un dereito básico que os partidos non solucionan nas súas propostas electorais.

Lembraba a asociación que a compra de vivenda é un dos problemas básicos referidos nas sondaxes polos cidadáns e subliñan que se duplicou en só sete anos o prezo medio dunha vivenda, máis aínda, no 2001 a especulación disparou as cifras un 46% facendo que un traballador deba adicarlle o equivalente a máis de seis anos o seu soldo bruto á compra dunha vivenda. Neste sentido hai moita expectación por ver as propostas que poida poñer na mesa o novo executivo, que de momento quixo explicitar a súa preocupación polo asunto coa creación específica do ‘Ministerio de Vivenda’.


0/5 (0 votos)