Os vindeiros días poñerase en marcha o rexistro único de demandantes de vivenda protexida promovido pola Consellería de Vivenda e Solo, como xa se anunciara hai pouco máis dun mes. O Consello da Xunta coñeceu hoxe o informe, que pretende saber a demanda real de vivendas cofinanciadas con fondos públicos, darlles transparencia ás adxudicacións e evitar as fraudes na compravenda.
As unidades familiares que desexen mercar ou alugar unha casa protexida estarán obrigadas a se inscribiren no rexistro. A inscrición terá unha vixencia de catro anos, renovábeis até a consecución da vivenda. As persoas apuntadas entrarán na listaxe da consellaría para poderen participar nas diferentes promocións. En cada unha delas farase un sorteo ante notario entre os demandantes cuxa solicitude coincida coas características dos pisos ofertados. Dentro duns días publicarase no DOG a orde na que se farán públicas as características do rexistro, que a partir dese momento comezará a recibir solicitudes.