A que xa é a 3º edición da LNB, e ademais a máis esixente e competitiva, arrincou esta domingo. Por primeira vez na historia, loitan polo título a conferencia NorOeste e a NorLeste. Hai vídeo e banda sonora.
"A fume de carozo e apertando nos dentes coma cans famentos", así din dende a Asociación deportiva O Varal que arrincou a 3ª edición da Superliga Galega de Billarda, sen lugar a dúbidas "a máis esixente e competitiva de todas as celebradas até o de agora", xa que entran en loita, por primeira vez na historia da LNB, dúas conferencias: a NorOeste e a NorLeste.
A Mariña e A Coruña, loitando polo título
Este fito histórico -dúas conferencias na LNB!-, para o deporte galego de esencia tradicional é un chanzo máis que axuda a consolidar a filosofía da LNB. Coma nas anteriores edicións desta competición, O Varal vai facer ás veces de Federación Galega de Billarda coordinando todas as accións das dúas conferencias, unha con epicentro na cidade da Coruña, -a NorOeste-, e a outra con epicentro na Mariña de Lugo, -a NorLeste.
60 palanadores e palanadoras organizados en 12 franquicias
De xeito regular e durante todo o ano todos estes xogadores van disputar unha competición estábel en dúas frontes abertas que desembocarán no mes de maio que vén nuns inéditos play off ou series finais, que se xogarán en Compostela. Neles, os mellores palanadores e franquicias de cada conferencia hanse atopar, e daí sairá o campión absoluto da edición 2007-08 da LNB.
TELE-VARAL segue na rede
O canal dixital da LNB, que emite en exclusiva pola internet, prepara un amplo dispositivo técnico para cubrir toda a actualidade nas pistas de xogo de ámbalas dúas conferencias. Se non queres perder nada, tamén as páxinas da LNB e da Asociación Deportiva O Varal van recoller todo o que acontece nos campos de xogo.
Un deporte que hai anos permanecía baixo terra, "enterrado en cal viva", din dende a LNB, agora xa ten 11 franquicias a xogar nel e unha competición regular que dá conta do intenso traballo feito nestes tres anos.
Dende a LNB anímanvos: Acabicornádevos á mellor liga de billarda do mundo!
1º xornada de liga: crónica d'O Varal
Era o primeiro partido, Zidane vs Chema. Todo o que se diga é pouco , TELE-VARAL retransmitiu xunto coa Galega esta histórica carreira na que Juan Pico contou cos espectaculares comentarios de Sak membro da conferencia NorOeste. E como traca inicial xa podes descargar o tema Achicando as pozas, BSO construída en exclusiva por zimmer103 coma trepidante psicofonía alieníxena para o deporte da billarda. Que forte, que forte! Comezou a Superliga. Que o demo reparta sorte!
Velaquí o vídeo do primeiro encontro: