Esíxelle ao goberno español "un compromiso co plurilingüismo". Elena Salgado defende que as "linguas cooficiais" están "nun dos seus mellores momentos".
O senador do PNV Javier Maqueda anunciou este martes a súa intención de pedir a comparecencia da ministra española de Educación, Mercedes Cabrera, na Cámara Alta para esixirlle ao goberno "un compromiso co plurilingüismo", que permita que se imparta o ensino de catalán, éuscaro e galego en todas as escolas do Estado.
"Dicirlles a todos os alatristes, espadas e humoristas resentidos que os problemas se solucionan falando, e falando enténdese a xente e chéganse a acordos como o de Downing Street que solucionan problemas", afirmou.
Resposta de Elena Salgado
Pola súa banda, a ministra de Administracións Públicas, a galega Elena Salgado, defendeu neste senso que "as linguas cooficiais viven nun dos seus mellores momentos de uso e extensión na historia da democracia", grazas ao "esforzo" do Executivo español e a súa postura de "impulso e promoción" como un "dereito dos cidadáns".
Salgado repasou algúns dos "avances" no seu uso. Así, salientou que os cidadáns se poden dirixir na súa lingua ás institucións da UE, que o permiso de condución pode ser expedido en calquera destas, que se impartiron cursos a máis de 15.000 funcionarios dende 2004 e que o 95% das webs do Estado están traducidas.