Instaran ás institucións estatais a garantiren a protección e o uso do galego, do éuscaro e do catalán.
Pueyo, Baztarrika e López, no acto de sinatura do protocolo
Os gobernos galego, catalán e vasco asinaron un acordo de colaboración en materia de política lingüística. Mediante o convenio, que se fixo oficial este mércores no Congreso dos Deputados, os tres executivos fomentarán os seus respectivos idiomas oficiais.
Os responsábeis de Política Lingüística, Miquel Pueyo, por Cataluña; Patxi Baztarrika, por Euskadi, e Marisol López, por Galiza, comprometéronse a animar as institucións do Estado a dispensarlle ao catalán, ao éuscaro e ao galego un trato máis xusto. De feito, salientaron que o 40% da poboación estatal vive nunha comunidade con lingua propia diferente do castelán.
A vixencia do acordo será de tres anos prorrogábeis, durante os cales os tres gobernos fomentarán a protección das súas linguas no ámbito da Administración do Estado e da Unión Europea. Deste xeito, esperan que se garanta o uso dos tres idiomas nas institucións estatais, nas empresas de servizo público e nos medios de comunicación de titularidade estatal.
Así mesmo, promoverán o ensino da historia e da cultura das linguas minoritarias, como estabelece a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELROM), en todas as comunidades do Estado. As tres comunidades tamén intercambiarán experiencias e estratexias de sensibilización da poboación para a normalización lingüística e para a promoción exterior dos seus produtos culturais.
Marisol López afirmou que o acordo pretende garantir un estado plural e rico e que é precisa a corresponsabilidade do goberno central e dos autonómicos.