Un veciño desta cidade andaluza leva cinco anos pelexando coas institucións para que se ensinen todas as linguas cooficiais do Estado
Non só dende Cataluña, Euskadi e Galiza se arela un Estado plurilingüe. Tamén hai casos, aínda que moi pouco habituais, noutras zonas. Un bo exemplo é un veciño de Málaga, José Antonio Sierra, que dende hai cinco anos loita para que nesta cidade andaluza se poidan cursar estudos de éuscaro, catalán e galego.
Sierra naceu nun pobo da provincia de Ávila e, nunha reportaxe do xornal La Opinión de Málaga, confesa que sempre tivo paixón polos idiomas. De feito, adquiriu coñecementos de inglés, francés, gaélico, catalán, éuscaro e galego. A comezos dos 70 impulsou o Instituto Cultural Español en Dublín, onde había seccións de todos os idiomas do territorio estatal.
En 2004 creou a 'Asociación Andaluza para la Difusión del Español y las Lenguas Minoritarias', pero, como el mesmo explica na reportaxe, bateu de fronte coa “incomprensión, os prexuízos e a indiferenza”. Cre que ademais do descoñecemento tamén hai razóns políticas.