Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Antonio Salceda, avogado dos afectados pola fraude de pisos en Vigo

"O proceso debe resolverse polo penal, e non coas mediacións de Vivenda"

O letrado afirma que moitos estafados comezaron a perder o medo cando viron as primeiras denuncias na prensa.

Redacción - 18:25 09/10/2007

Despois de que os medios de comunicación falasen da posíbel fraude dos sobreprezos nas vivendas protexidas do polígono de Navia, en Vigo, e de que soase o nome de Telmo Martín como un dos implicados -como conselleiro delegado de Construcuatro, a promotora-, Vivenda decidiu esta semana tomar as rendas do caso.

Ante os novos datos que proban que a construtora cobrou sobreprezos en diñeiro negro polos pisos protexidos. A conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, reaccionou esta segunda feira, abríndolle un expediente a Construcuatro, -a empresa da que ten un 30% Telmo Martín, presidente do PP de Pontevedra-, que podería terminar cunha multa de polo menos 1 millón de euros e a obriga de devolver todo o cobrado por baixo da legalidade.

Vieiros: Vostede representa á totalidade de afectados polo caso do cobro dos sobreprezos en Navia?
Antonio Salceda: Representaba nun comezo a dous deles. Agora levo o caso e chegan a ser, até o momento, unhas 24 persoas.

V: Como se decidiron as familias afectadas a denunciar o caso do cobro dos sobreprezos despois de telos pagado?
A. S.: A partir da publicación das noticias sobre a construtora e a implicación do presidente do PP de Pontevedra, Telmo Martín, no caso. Ao chegar aos medios, os afectados perderon o medo -ao comezo pensaban que estaban sós nisto-, e comezaron a chamar para informarse de a onde podían acudir e o que podían facer.

V: En que punto se atopan do procedemento?
A. S.: Nós imos presentar unha serie de datos e imos comunicar a lista de afectados ante o xulgado que está en coñecemento dos feitos. Coidamos que en mes e medio a cousa irá cara adiante.

V: Como valoran a sanción da Consellaría de Vivenda e Solo a Construcuatro?
A. S.: Hai un procedemento penal aberto que ten preferencia sobre o tema administrativo e sobre as medidas que queira tomar Vivenda. Nós informamos nun comezo a Vivenda e non nos fixeron caso, dixéronnos que puxésemos unha denuncia no xulgado e mesmo houbo quen nos dixo que Construcuatro estaba a facer as cousas ben. Agora pensamos que con este novo recurso queren lavar a súa imaxe e non están a facer máis do que unha comedia.

Teñen a lista de demandantes pero o procedemento administrativo ten algunhas eivas e están varias cousas distintas mesturadas. Aínda non falaron cos afectados.

V: Ve posíbel recuperar xudicialmente os cartos dos compradores?
A. S.: Se os xestores da promotora son atopados culpábeis, si, poderíanse recuperar os cartos. Coas probas que temos é bastante posíbel que se recuperen eses cartos, mais pola vía penal. Pola administrativa non ten sentido.

Porén, houbo outro procedemento que ten moito que ver con este, o de Vigolar, unha promotora que tamén cobrou sobreprezos vendendo vivendas en Navia, na mesma zona que agora. Neste non estaba implicado ningún político, mais esta promotora viguesa tamén cobrou sobreprezos e os compradores aínda non recuperaron os cartos. Vigolar foi sancionada por Vivenda no seu momento e non pode construír en 6 anos, mais non devolveu o diñeiro e a min cónstame que seguen a construír con outra empresa ou con outro nome, e as cousas seguen igual. Por isto o procedemento debe levarse polo penal, porque o administrativo non asegura que lles reintegren o investido aos afectados.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe do presidente do PP de Pontevedra, Telmo Martín, implicado no cobro de sobreprezos
Imaxe do presidente do PP de Pontevedra, Telmo Martín, implicado no cobro de sobreprezos
Unha enorme construción en Vigo / Flickr: Contando Estrelas
Unha enorme construción en Vigo / Flickr: Contando Estrelas
Situación da parroquia de San Paio de Navia, en vermello, no Concello de Vigo / Fonte: Galipedia
Situación da parroquia de San Paio de Navia, en vermello, no Concello de Vigo / Fonte: Galipedia
A titular de Vivenda, Teresa Táboas, conversa cos deputados nacionalistas nunha sesión do Parlamento
A titular de Vivenda, Teresa Táboas, conversa cos deputados nacionalistas nunha sesión do Parlamento