Entre 2000 e 2004 a empresa Construcuatro, propiedade do alcalde de Sanxenxo e candidato á alcaldía de Pontevedra en 2007 polo PPdeG, Telmo Martín, mercou tres leiras no concello, en total 3.729 metros cadrados, dúas delas antes da propia aprobación do Plan Xeral de Urbanismo do Concello. A continuación, os predios foron vendidos á empresa Construziona, onde son socios dous irmáns do ex conselleiro Xosé Cuíña. Segundo explican desde a asociación Salvemos Sanxenxo o valor das dúas primeiras leiras, mercadas antes de aprobarse o PXOM, "aumentou en vinte veces logo da súa recualificación". Logo de denunciaren que a promoción ameaza o humidal da zona, o xulgado de Cambados ordeou paralizar a construción da urbanización de luxo aló proxectada.
En nome da asociación de veciños San Cristóbal de Portonovo, Xermán Prieto recuperou para a luz pública estas transacións logo de escoitarlle dicir ao alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, "que nunca recualificaría terreos para a súa empresa, Construcuatro". Prieto explica que a escritura de comra-venda "demostra que a promotora Construcuatro participou na adquisición e posterior venda deses terreos antes e despois de que se aprobase o PXOM, unha zona que actualmente se está urbanizando e que se sitúa en pleno centro de Portonovo".
Prieto detalla a implicación do propio alcalde de Sanxenxo nesta operación inmobiliaria, relatando que a empresa comprara a primeira leira en 2000, unha extensión de 1.760 metros cadrados, a segunda en 2001, 758 m2 e a terceira en 2004, 1.211 m2, esta última despois da aprobación do PXOM. "A única lóxica que vemos aquí é que unha empresa do alcalde participou non proceso especulativo dous terreos, para ou que el, ou alcalde, tivo que cometer un presunto delicto de negociación prohibida á funcionarios", denuncia o representante dos veciños. O colectivo envioulle copia da documentación da que dispón á propia dirección do PPdeG, e solictáronlle tamén ao alcalde, Telmo Martín, que fose declarar voluntariamente á fiscalía.
Alén disto, os veciños advirten de que se esta construción se acaba autorizando vai incrementar o risco de anegamentos, xa que "interrompe o humidal do río". Con ese argumento presentaron hai xa dous meses unha denuncia diante da Garda Civil. A urbanización contaba con licenza do Concello pero non tiña autorización da Consellaría de Medio Ambiente. O xulgado de Cambados ordeou agora que se paralizasen as obras desas 96 vivendas de luxo e o Servizo de Portección da Natureza da Garda Civil executou a orde xudicial esta mesma fin de semana.