Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na súa primeira sesión parlamentaria

Aprobada a comisión que investigará a Cidade da Cultura

O voceiro do BNG, Carlos Aymerich, deu unha relación de nomes de familiares de altos cargos do PP que accederon a postos relacionados co proxecto.

Redacción - 13:58 11/09/2007

Os tres grupos con representación no Parlamento, PSdeG, BNG e PPdeG aprobaron hoxe por unanimidade a creación dunha comisión que investigue todas as actuacións do Goberno na Cidade da Cultura, dende que comezou, sendo só un proxecto, até a actualidade.

A decisión tomárona na mañá da terza feira, no primeiro pleno após as vacacións de verán. Todos os grupos traían baixo o brazo a proposta, se ben o PPdeG elaborara a súa propia, e os partidos no Goberno fixeran unha conxunta, que obviaba a pretensión popular de que se investigase, "con especial atención" os exercicios que foron feitos após a publicación do informe do Consello de Contas, polo bipartito.

"Investiguemos todo, non imos poñer trabas"
Con estas verbas Carlos Aymerich, do BNG atallaba os pedimentos populares, dicindo que é o PPdeG o que "debe dar explicacións sobre as irregularidades contractuais" que se produciron no Gaiás, tras o que acusou o anterior goberno de incluír a seus familiares entre os responsábeis do proxecto.

Despois de nomear un por un os familiares postos a traballar na Cidade da Cultura, -entre eles a Alfredo Díaz Grande, esposo da deputada e daquela conselleira Pilar Rojo, que era o arquitecto coordinador do proxecto; a Ángel Currás Fernández, irmán do Conselleiro de Educación, que era o director xerente da Fundación; e a Manuel Fernández, cuñado de Mariano Rajoy, que era o director económico e financeiro da Fundación-, Aymerich lembrou que, aínda estando xente da familia no allo, "os resultados foron decepcionantes", de tal xeito que actual goberno recibiu "unha herdanza envelenada" e con "apenas o 35% da obra executada", asegurando despois que o bipartito xa ten terminado o 52% da construción e que foron eles os que puxeron "racionalidade e rigor" na xestión do Gaiás.

Aymerich tamén segurou que o Bloque non ten como obxectivo "esixir responsabilidades políticas, que xa foron depuradas polo pobo galego, mais si coñecer as respostas que o PP tentou agachar co fin de tirar as conclusións e as licións que procedan". Para el foi o actual Goberno o que "puxo racionalidade onde había caos e rigor onde imperaba a improvisación".

As urnas puxeron "a cada un no seu sitio"

Na súa quenda o deputado do PSdeG, Xaquín Fernández Leiceaga asegurou que o PPdeG xa depurara as súas responsabilidades ao perder as eleccións que "puxeron a cada un no seu sitio".

Polo seu lado o deputado popular Ignacio López-Chaves defendeu a Cidade da Cultura como "o proxecto cultural de Galiza máis importante do século XXI" e negou que nel se teñan gastado 400 millóns, asegurando que o Consello de Contas cifra o investido no Gaiás en 284 millóns de euros, polo que, segundo el, foi o Goberno actual o que gastou os que 116 millóns que restan. Ao final pechou a rolda de intervencións asegurando que todos os grandes proxectos culturais contaron coa oposición dos "agoreiros do fracaso", e puxo como exemplo o Fórum de Barcelona ou o Guggenheim de Bilbao.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: