O traslado do caso ao xuíz podería implicar a renuncia de PSdeG e BNG á comisión de investigación no Parlamento.
A fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia admitiu a trámite a denuncia das presuntas irregularidades na xestión do proxecto da Cidade da Cultura na etapa do executivo de Manuel Fraga en que a Consellaría de Cultura estaba liderada por Xesús Pérez Varela. A continuación, trasladoulle ao xulgado de instrución de garda a denuncia.
O fiscal toma esta decisión fronte á posíbel relevancia penal das irregularidades denunciadas. A continuidade da investigación dependerá agora da decisión do xuíz. Así, segundo a avaliación da fiscalía, a análise realizada ao respecto do proxecto do Gaiás polo Consello de Contas sería aval para proseguir a investigación xudicial dos presuntos delitos. Desde a CIG, que presentou no seu momento a denuncia, opinan que o ex conselleiro Pérez Varela sería o principal encausado neste proceso. Ao respecto, opinan que os grupos parlamentarios non deberan seguir adiante coa comisión de investigación para evitar que esta solape a actuación do xuíz.
"Durante o mandato do PP pouca xente ergueu a voz", quéixase Touriño
Insistindo en que o actual Goberno traballa para transformar "o monumento faraónico do anterior presidente" nun proxecto que "sexa útil e que sirva ao país", o presidente da Xunta laiouse este xoves do silencio que na súa opinión se produciu ao respecto do Gaiás na etapa de Manuel Fraga á fronte do executivo. "Houbo moi pouca xente en Galiza que erguera a voz para impedir que se puidera chegar até onde se chegou", afirmou en referencia ás irregularidades detectadas polo Consello de Contas. Ao fío, dixo confiar en que a comisión de investigación que o Parlamento podería botar adiante axude a "poñer luz e taquígrafos" sobre o asunto.
Con todo, a propia comunicación da fiscalía este xoves sobre a polémica podería condicionar a decisión final de socialistas e nacionalistas sobre a comisión de investigación. PSdeG e BNG, que xa negociaban as características desta comisión, cavilarían agora en adiala se o proceso xudicial segue adiante.