Fraga, Pérez Varela e Feijoo poderían ter que dar explicacións sobre o Gaiás. O PSdeG propón unha comisión parlamentaria. Desde o BNG preferirían que fose a Xustiza a protagonista da investigación. O propio líder do PPdeG desafiara os rivais a levar o asunto á Fiscalía.
Á luz da "gran fraude" que na súa opinión permite avaliar o informe do Consello de Contas, o voceiro parlamentario do PSdeG, Ismael Rego, recuperaba este luns a proposta avanzada na fin de semana polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e anunciaba que os socialistas preparan a petición dunha comisión de investigación sobre a Cidade da Cultura. Rego asegurou que á luz da actualidade agarda que todos os grupos coincidan en apoiar esta petición.
Na súa bitácora, o deputado socialista Xosé Manuel Lage confirmaba que nas próximas horas se presentará a proposta, esperando que así poida saberse "algo máis do que pasou coa cidade da Cultura e así tamén o PP de Núñez Feijóo poderá saber aquilo que di descoñecer". Lage tamén se refire ao redeseño do proxecto e a elaboración dun plan de usos, cualificando a decisión do executivo como unha aposta por "racionalizar este invento e sacarlle partido despois da súa faraónica concepción".
Que o investigue o Parlamento ou o Fiscal? Con todo, a propia existencia dese novo plan de usos e contidos para o proxecto, detallado xa nas diversas comparecencias parlamentarias da conselleira de Cultura e a propia publicación do informe do Consello de Contas avaliando a xestión anterior, fan abrollar outras recomendacións sobre o proceso a seguir. Foi nese sentido no que o voceiro parlamentario do BNG, Carlos Aymerich, afirmou este luns que os cidadáns xa definiron responsabilidades políticas "cos seus votos" e opinou que "o Parlamento agora ten que adicarse a outras cousas".
Aymerich recordou que na altura da metade de lexislatura, o Parlamento ten en axenda importantes obxectivos e reformas lexislativas e chamou a non paralizar a súa actividade con asuntos sobre os que podería actuar a propia Xustiza. Así e todo, concedeu que o grupo parlamentario socialista estudará a proposta de creación desta comisión en canto sexa recibida. Ao respecto, a propia conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, mostrouse este luns de acordo coa súa creación, o mesmo que o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, quen afirmou que os nacionalistas apoiarán todo o que contribúa á "transparencia e claridade" no que lle toca á xestión dos fondos públicos.