Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
TOURIÑO DI QUE CUMPRIRÁ ESTA PROMESA NESTA LEXISLATURA

O Colexio de Xornalistas pide que remate o "reparto partidario dos medios públicos"

O decano Xosé Manuel Vega alerta do desprestixio da TVG a raíz do suposto veto a Quintana nos telexornais.

M.Vilas - 14:01 07/09/2007
Peréz Varela, un dos membros do Consello da CRTVG

Peréz Varela, un dos membros do Consello da CRTVG

O presidente da Xunta volveu a reafirmarse onte cunha das súas promesas claves na campaña electoral, a democratización da CRTVG. Porén, para o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), Xosé Manuel Vega, a credibilidade da promesa de Touriño “está sometida aos dous anos que xa pasaron sen que fixeran nada”.

A democratización do ente xa figuraba no programa electoral do PSdG e no acordo de goberno co BNG. Os nacionalistas veñen insistindo este verán na “urxencia” do seu cumprimento. Malia o parón de dous anos, Vega indica que o Colexio segue “á expectativa” de cara á posíbel reforma.

A elección do director do ente por dous terzos do Parlamento e a creación dun Consello Superior do Audiovisual -que decida independentemente dos políticos a concesión das licenzas de radio e televisión- son dúas das demandas do Colexio.

O suposto veto a Quintana na TVG

Por outra banda, o decano cre que a polémica polo suposto veto que sofre o vicepresidente da Xunta nos informativos da televisión pública “vai en contra de todos, do prestixio das institucións e dos profesionais da TVG”.

Este asunto foi exposto na conversa entre o ex-numero dous de Quintana na Xunta, Antón Losada, e un traballador dos informativos do ente; diálogo que transcribe hoxe El País.

Colocación de persoas afíns aos partidos
Xosé Manuel Vega defende que “cómpre pór fin ao reparto partidario dos medios públicos que son pagados por todos”. En particular, sinala que o Consello que administra a CRTVG é “un lugar no que os partidos colocan persoas que quedaron 'descolgadas', que, salvo algunha excepción, pouco ou nada teñen que ver co ámbito profesional do xornalismo”.


5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: