O Partido Popular de Galicia vén de facer pública unha nota de prensa na que denuncia a emisión nos informativos da TVG das imaxes dos apupos que recibiu Fraga este luns en Granada. Segundo os populares, a canle autonómica solicitou as imaxes á televisión andaluza para a súa emisión. Pola contra, denuncian que non se fixeron públicas situacións semellantes cando lles aconteceron aos partidos do goberno. O PPdeG tamén reclama máis tempo nos informativos.
No Partido Popular sentou moi mal a emisión, durante case un minuto, das imaxes dos apupos a Fraga na Universidade de Granada. Segundo os populares, a TVG emitiu estas imaxes pero non fixo o mesmo cando Touriño e Zapatero foron increpados en Galiza durante a crise dos lumes. Deste xeito, denuncian o que eles consideran unha "manipulación e uso partidista dos medios públicos".
O tempo dedicado nos informativos ao Partido Popular tamén foi motivo de queixa. A formación non ve reflectida nos informativos a realidade parlamentaria e denuncia que o tempo dedicado a Touriño e o PSOE é seis veces superior ao que se emprega co PPdeG.