Logo de que trascendesen as tensións internas, o presidente do PPdeG pide que compareza no Parlamento para que explique a situación.
Touriño e Quintana falando no Parlamento
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou este luns que a coalición PSdeG-BNG no Goberno está garantida até 2009. O máximo mandatario galego volveu a apostar pola “lealdade” entre as dúas formacións e pediu que a loita partidaria que se abre de cara ás próximas eleccións estatais non afecte ao acordo de Goberno.
Os xornalistas preguntáronlle polo último Consello da Xunta. Tal e como adiantou Vieiros, a reunión do pasado xoves foi especialmente tensa. De feito, tan só se aprobaron as iniciativas presentadas polos socialistas. Mais Touriño quixo restarlle importancia ao sucedido e cualificou a reunión como de “inicio de curso”.
Porén, Touriño non se posicionou sobre un dos temas máis espiñentos das últimas semanas: A esacasa cobertura que fai a TVG dos actos de Vicepresidencia. O presidente asegura que hai que “respectar a plena autonomía” do ente público.
Quintana tamén pide “lealdade”
O vicepresidente, Anxo Quintana, tamén lle esixiu este luns “lealdade e madurez” aos socios do Goberno. A diferenza de Touriño, Quintana recoñeceu a existencia de tensións que considerou “lóxicas” tendo en conta que se van abrir negociacións para os orzamentos do ano que vén. De todos os xeitos, o nacionalista está convencido de que o bipartito xa demostrou a súa eficiencia nestes dous anos de goberno conxunto.
O PPdeG aproveita para petar
Mentres que Touriño asegura que o Goberno goza de estabilidade abondo, o presidente do populares, Alberto Núñez Feijoo, anunciou este luns que vai pedir a comparecencia do presidente no Parlamento. Feijoo quere que Touriño explique a situación que se vive no bipartito, que el xa considera de "caos e deterioro".