"Representa o país e une a todos os galegos", sentenciou Emilio Pérez Touriño ao respecto do himno, cualificando de "falso problema" a confrontación ao respecto.
"Neste comezo de curso político, apelo a deixar a estéril polémica na estación do ano en que naceu, como unha ocorrencia máis do verán que axiña abrirá paso a asuntos máis complexos", comentou Emilio Pérez Touriño ao fío da polémica da última semana sobre o himno. O presidente da Xunta fixo estas declaracións durante a cea organizada este luns polos militantes do PSdeG na comarca arousá, onde Touriño estivo de vacacións.
Ao respecto, Touriño avanzou que, como presidente da Xunta, estará en Cuba para a conmemoración do centenario do himno "no seu berce". Así, pediu celebrar este aniversario "sen debilidades nin complexos". "Nós ímolo facer e sacaremos peito orgullosamente, porque nos sentimos orgullosos do noso país e da súa xente, da nosa cultura e da nosa lingua", afirmou, destacando que na súa opinión o himno proclama a identificación coas raíces e a unidade de todos os galegos e galegas, para reflectir a dimensión universal da galeguidade".
Confianza na alta velocidade "para 2012"
De paso, Emilio Pérez Touriño afirmou estar seguro de que en cinco anos estará completa a liña de alta velocidade ferroviaria a Galiza. Nese sentido, dixo non ter dúbida de que os orzamentos xerais do Estado van incluír as cantidades necesarias para cumprir "ese gran obxectivo político".