O vicepresidente do Goberno insiste en que os nenos aprendan o Himno en todas as etapas educativas e di que as críticas están provocadas polo "autoodio".
Quintana, este domingo en Allariz
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, ratificou este luns a súa proposta de que os nenos aprendan o Himno Nacional en todas as etapas educativas, tamén de 0 a 3 anos, e atribuíu aos "complexos e ao autoodio" as críticas sobre a súa idea de popularizar a letra do poema d'Os Pinos de Eduardo Pondal, e a música composta por Pascual Veiga.
Quintana insistiu en que nas galescolas, xestionadas polo seu departamento, se pode ensinar o Himno, malia que a Consellería de Educación afirmou o pasado venres que nesa etapa non se adquirían coñecementos, nin que nos proxectos curriculares "se entraba nese nivel de detalle".
Proxecto curricular
Porén, o vicepresidente matizou que no borrador cos contidos a impartir, elaborado por Educación coa participación de Vicepresidencia no relativo ao ensino de 0 a 3 anos, "fálase de coñecer a cultura galega e os seus símbolos identitarios". Así, considerou "evidente" que o proxecto curricular avala a súa proposta, e avisou de que o seu departamento "fará todo o posíbel" para levala a cabo.
"Sempre pensei que todos estabamos no bando dos 'bos e xenerosos' e non no dos 'imbéciles e escuros", proclamou, parafraseando os versos de Pondal. "Agardo que siga a ser así, porque sería totalmente ilóxico colocarse no bando contrario", advertiu.
Actitude dos socialistas
Neste senso, no transcurso dunha festa do BNG en Allariz, Quintana amosou este domingo a súa preocupación pola actitude do Partido Socialista: "Para o Partido Popular, o himno galego é igual que un arroto".
"Dixo o señor Feijoo, que aos nenos había que ensinarlles aos tres meses a arrotar: un desprezo absoluto polos galegos e as galegas. Pois o Partido Socialista considérase na obriga de seguir polo mesmo rego e sae dicindo que hai que prohibir cantar o Himno nas escolas", afirmou.
Quintana cualificou esta actitude de "debilidade intelectual da esquerda española, disposta a se mover no marco que impón a dereita máis reaccionaria".
Avanzar no autogoberno
Por outra banda, preguntado este luns pola proposta do vicepresidente do goberno catalán, Josep Carod Rovira, de convocar un referendo sobre a autodeterminación en Cataluña para o 2014, Quintana argumentou que o nacionalismo galego, o histórico e o actual, "non entende o exercicio da autodeterminación a través dun plebiscito".
Nesta liña, expuxo que apostan por un "proceso dinámico" a través do que se vaia avanzando no "autogoberno e na autoorganización do pobo galego".