Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O PPdeG concede que é importante que "todos coñezan" a letra

O blogomillo fíxase na "ridícula interpretación" que El Mundo fixo sobre o himno

As bitácoras reparan na polémica pola paradoxal análise realizada nas páxinas do diario español.

Redacción - 12:00 22/08/2007
Eduardo Pondal, rebautizado como "Arturo Pondal"

Eduardo Pondal, rebautizado como "Arturo Pondal"

"O máis sorprendente do caso non é a intención claramente denigratoria que o periódico de Pedro J. acomete cara un dos símbolos nacionais de Galicia (e por extenso co pobo galego), senón a paupérrima argumentación e documentación (tradución ao castelán do texto de Pondal, incluída) que utiliza, absolutamente impropia dun chamado xornal de referencia", escribe Brétemas no seu artigo titulado Himno galego, o ridículo de El Mundo.

"O diario El Mundo, tabloide famoso por unhas mochilas, ven de meterse co himno galego e a súa letra a raíz dunhas palabras de Anxo Quintana, que dende logo comparto", comenta Nico na bitácora Papar e Vivit no artigo titulado Ataque ao noso himno", onde se laia do "gran descoñecemento de Galiza" que amosa o artigo do diario español.

"Esta é se cadra a noticia máis manipulada, tendenciosa, torticera, demagoga, facha...(quedo sen adxectivos) que publicase o periódico de Pedro Jota en moito tempo", sinala Nacho Mirás no seu blog Rabudo, baixo o título El Mundo si que nos insulta.

O PPdeG recoñece a "importancia" do símbolo
"Hai quen fala da Nazón de Breogán, personaxe que non existiu nin en Irlanda, e que está nun himno composto por un poeta, o gran bardo Eduardo Pondal, pero non por un historiador, como tamén se fala dos suevos, que foron os máis bárbaros dos bárbaros", comentaba Manuel Fraga hai un ano en entrevista para o diario ABC e ao fío da lea estatutaria, "Falan de Nazón de Breogán porque está nun himno rexional, estreado en Cuba, por certo", dicía o ex presidente.

Desde a actual dirección do PPdeG, o vicesecretario xeral da formación, Diego Calvo, expresaba este martes en resposta aos xornalistas sobre a recente polémica que ao igual que o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, o PPdeG tamén pensa que o himno "debe ser coñecido por todos". Así e todo, Calvo subliñou que "hai problemas máis importantes sobre os que se debería ocupar o Goberno". Ao fío das escolas, o popular referiuse por exemplo aos comedores escolares "problema aínda sen arranxar".

Malia esa posición oficial do PPdeG, algúns blogueiros galegos próximos ao contorno popular semellan apoiar a perspectiva de El Mundo, caso de Elentir ou Nosotros somos Nuevas. Así por exemplo, Elentir considera que este debate sobre o himno debera abrirse antes e opina que se trata de "inventar unha identidade galega máis ben artificial".


5/5 (17 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: