Segundo Bieito Lobeira, o paso daríalle oficialidade e popularidade ás mudanzas, a diferenza do que fixera o anterior goberno.
O parlamentario do BNG Bieito Lobeira pediu que se publiquen no Diario Oficial as vixentes normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega, aprobadas pola Real Academia o 12 de xullo de 2003. Segundo Lobeira, este trámite permitiría “oficializar e popularizar” as modificacións que se fixeron na normativa.
A proposición non de lei do BNG salienta que o anterior goberno nunca decidira publicar as mudanzas no DOG e indica que é preciso “un labor de popularización das normas vixentes”, que constituíron un “consenso normativo”.
O documento aprobado xa hai catro anos pola Real Academia introduciu novidades como a desaparición da segunda forma do artigo, a introdución das terminacións -aría, -za e -zo, e oficializou a denominación de Galiza, “lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo”.