Van case catro meses da aprobación das reformas normativas pola Real Academia Galega e a Xunta segue sen mover ficha. A sección de ensino da CIG remitíralle un escrito ao conselleiro de educación, Celso Currás, o pasado 10 de setembro para que se procedese á oficialización da nova normativa á maior brevidade posíbel mediante a sua publicación no DOG e a sua entrada en vigor.
Agora a CIG-Ensino denuncia que non houbo contestación por parte da concellería e esíxelle que adopte urxentemente as medidas para a asunción práctica da reforma.
Para a CIG-Ensino, esas medidas pasan por realizar unha campaña informativa dirixida aos centros de ensino, especialmente ao profesorado, para informá-los das modificacións da normativa do noso idioma; chegar a acordos coas empresas editoras para a adaptación dos textos de carácter docente e pedagóxico á nova normativa, sen que isto supoña un quebranto económico para as empresas e as famílias; realizar unha campaña de sensibilización e información para que a normativa se efectivice en todos os sectores á sua entrada en vigor. Poden ampliar información no dossier de Vieiros Unha lingua de futuro.