Arredemo pon en marcha a páxina escribelleaisaac.info como resposta á retirada da conta de correo de Díaz Pardo e mais da ligazón á súa biografía da portada da web de Sargadelos.
Web de escribelleaisaac.info
Consideran que esta acción é un agravio informático intencionado por parte da directiva da empresa coa finalidade de anular a relación do grupo co seu fundador. Varios activistas de Arredemo decidiron piratear as páxinas sobre Díaz Pardo, darlles un novo dominio e darlle ao mestre unha nova conta de correo para que poida seguir a recibir mensaxes de apoio de todo o mundo.
Na nova páxina tamén se inclúe unha ligazón á campaña Apoio a Isaac Díaz Pardo e mais ao espazo de Fírgoa, da USC, dedicado ao intelectual. Arredemo, que está a deseñar a súa nova páxina web, anuncia que vai impulsar unha serie de accións de solidariedade con Díaz Pardo e de defensa do Instituto Galego da Información, que parece ser o próximo obxectivo da actual directiva de Sargadelos.
Así mesmo, Arredemo faille un chamamento ao mundo social e cultural galego para que colabore na campaña, facéndolle chegar as súas mensaxes ao mestre a través do novo enderezo isaac@escribelleaisaac.info. A rede de acción socio-cultural considera que a toda a cultura galega lle atinxe o compromiso de preservar a dignidade persoal e intelectual dun home como Isaac Díaz Pardo, que tanto fixo por ela.