Vieiros

Vieiros de meu Perfil


HAI QUE ROELO

Transicións modélicas

12:30 02/12/2008

O bon que ten ir medrando é que un pode cuestionarse cousas que lle aprenderon cando era cativo.

Esta da que quero opinar hoxe non só ma contaron cando era neno, aínda ata hai pouco tempo era unha suposta verdade absoluta que un non podía matizar e, moito menos, cuestionar. Falo da chamada Transición española e da súa presunta e intrínseca brillantez. Ese pretendido reencontro entre dúas comunidades que se enfrontaran nunha guerra e que conviviran de costas durante corenta anos baixo a ditadura de Franco. Ese tempo que nos amosou Victoria Prego, no que os bos foran o Rei de España, Adolfo Suárez, Santiago Carrillo e Fraga Iribarne, e os malos os de sempre.

A Transición en España non foi perfecta, e tampouco foi modélica. A maioría dos formadores de opinión radicados en Madrid ou coa mente radicada en Madrid e o corpo en Galiza/Galicia veñen reseñando que ese proceso de recuperación da democracia serviu de espello para outros casos semellantes en Latinoamérica. Pero iso é falso, e a proba témola no "autus interruptus" de Baltasar Garzón sobre o franquismo, e na actitude da propia Fiscalía, acusando ao xuíz pouco menos que de delirar por querer abrir as fosas comúns. As transicións modélicas foron as de Chile, Arxentina e, agora Paraguai, por citar algunhas. Chile reduciu os espazos de impunidade do ex ditador Pinochet e da súa familia (aínda con el en vida), na Arxentina son moitas xa as sentenzas que condenaron os represores, e o presidente do Paraguai, Fernando Lugo, pediu perdón en nome do Estado ás vítimas do tempo de Stroessner.

Iso son transicións á democracia que fomentan os valores da equidade e da democracia mesma, aínda con todas as eivas que se lles atopen, que son moitas. En España aprobouse unha Lei de Memoria Histórica que é un quero e non podo ou, mellor dito, un podo e non quero, porque nin se aplica nin busca a verdade histórica nin a reparación moral e política dos asasinados, perseguidos e exiliados. Baltasar Garzón quixo abrir unha causa xeral contra o franquismo, buscando os desaparecidos, elaborando censos de vítimas, abrindo foxas e calificando os feitos como debía, e o Estado, case en bloque, botouse enriba del, comezando por un fiscal que depende xerarquicamente do Ministro de Xustiza do mesmo goberno que aprobou a Lei de Memoria.

Xa o mesmo auto de Garzón limitaba a súa investigación do 18 de Xullo de 1936 ao 31 de decembro de 1959, posiblemente sabedor de que se expande a investigación, batería con que dez anos despois o actual Rei xurou os principios do Movimiento Nacional franquista e que, polo tanto, aí comezaba a arquitectura institucional que temos hoxe. E tamén batería con que algúns integrantes daquel goberno ilexítimo que lideraba Franco aínda están vivos. Pero nin por esas. Garzón parou. Só el saberá se recibiu máis presións das que coñecemos.

E xa vale de escoitar que reabrir foxas reabre feridas. As feridas vainas levar meu pai ao cadaleito se antes de morrer non sabe que foi dun dos seus irmáns desaparecido, se non sacamos dunha foxa a outro irmán seu, e se non damos sepultura como merece ao seu pai. Iso son feridas. E xa sabemos a quen non lle interesa que se fale disto. Os que non queren falar nin investigar isto son quen saben que poden saír cousas á luz que non lles interesan. Pero España non está preparada. Se non o está hoxe non o estará nunca. Terán que vir tribunais internacionais a xulgar o que a nós non nos deixan?

Así que non Victoria Prego. A túa Transición non mola.

4,95/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Dani Álvarez

Dani Álvarez

Naceu nas Pontes en 1977. Marchou para Euskadi estudar Xornalismo. Logo de licenciarse, comezou a traballar en Radio Euskadi. Na actualidade dirixe o programa radiofónico "Ganbara", de información xeral e debate. Canda Xabier Lapitz coordinou o libro "Proceso de paz en Euskadi. 20 voces por la normalización".



Máis opinións