Os dez concelleiros que integran a formación reclaman a dimisión de Xesús Manuel Suárez, a quen acusan de prácticas antidemocráticas.
A meirande parte dos concelleiros do Partido Galeguista reuníronse esta fin de semana en Ourense, berce do galeguismo, para dar lectura pública a un manifesto no que se amosan contrarios á dirección da formación política.
“Consideramos que chegou o momento de apelar á responsabilidade e deixar claro que non podemos apoiar á facción que di presidir Xesús Manuel Suárez García, porque son unha minoría que non ten ningún compromiso político cos cidadáns e estivéronnos negando a todos deslealmente con métodos oscurantistas e antidemocráticos”. Así reza o Manifesto ao que deu lectura Manuel Siverio Miras Liñares, concelleiro en Oroso e un dos asinantes.
Canda el, referendan o texto: Montserrat Viqueira (Oroso), Xosé Alfredo Bea (O Grove), Alejandro Bastos (Redondela), Benigno García-Luengo (Redondela), Xosé García (Samos), Pablo López (Sarria) e Xosé María Artiaga (Mondoñedo). Porén, o propio Miras Liñares apuntan a que os outros dos militantes do PG con acta de concelleiros (Manuel Marante por Cambre e Anxo Rodríguez por Padrón) tamén apoian o escrito, se ben non o asinan porque actualmente están en negociacións con outras formacións políticas.
No comunicado, os edís amosan o seu apoio a Luís Bóveda Canal, de quen din que valoran positivamente “a súa boa disposición a aceptar no seu día o documento base para a posta en funcionamento do PG e a comprometerse a exercer as súas funcións de forma democrática e con pleno respecto ós cargos institucionais posibilitándolles o deberes sinalados estatutariamente no X Congreso e na Lei de Partidos Políticos”. Así, propóñeno como “único presidente do Partido Galeguista” para “poder presentarmos ás eleccións de 2011”.