Os 28 países membros do Consello Atlántico foron un pouco máis aló que Nacións Unidas na súa condena.
O secretario xeral da OTAN, Anders Fogh Rasmussen instou a Israel a liberar "inmediatamente" os civís e os barcos que continúan detidos logo do ataque á Frota da Liberdade en Gaza, segundo un comunicado feito público este martes pola tarde.
Os 28 países membros do Consello Atlántico, nunha reunión extraordinaria a nivel de embaixadores, convocada de urxencia no cuartel da Alianza en Bruxelas a petición de Turquía, foron un pouco máis aló que Nacións Unidas.
"Dou o meu sincero pésame ás familias de todas as vítimas e condeno os actos que conduciron a esta traxedia", sinalou o máximo responsábel da OTAN. Recep Tayyip Erdogan, primeiro ministro de Turquía, país membro da OTAN, afirmara este luns que a interceptación militar da frota vulneraba "os principios do dereito internacional" e era "un inhumano terrorismo de Estado".
Comunicado da UE
Os 27 embaixadores da UE, durante catro horas de xuntanza este luns, elaboraron un comunicado de condena da "operación militar israelí en augas internacionais", e reclaman ás autoridades israelís "unha investigación inmediata, completa e imparcial" do ocorrido, así como asistencia consular para os europeos afectados.