Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Conflito en Palestina

“Un novo crime contra da humanidade do Goberno sionista de Israel”

O Seminario Galego de Educación para a Paz emitiu un comunicado condenando o ataque á frota humanitaria de axuda a Gaza.

Redacción - 12:30 31/05/2010

O ataque totalmente desproporcionado do exército israelíta contra do convoio humanitario coñecido como "frotiña da liberdade", en augas internacionais, podería ter causado ata 16 mortos entre os activistas desarmados que viaxaban no barco de bandeira turca asaltado.

Esta criminal intervención militar contra cooperantes indefensos é unha proba máis, a enésima, de que o sionismo non ten límites nen escrúpulo moral algún á hora de desprezar o dereito internacional e as vidas de centos de pacifistas que pretendían levar a Gaza a axuda humanitaria que precisan e denunciar o bloqueo á que está sendo sometida a súa poboación civil coa total e absoluta pasividade da Unión Europea e a comunidade internacional.

O Seminario Galego de Educación para a Paz quere manifestar publicamente a súa condena máis enérxica por esta actuación criminal do goberno israelita ó tempo que reclama da xustiza internacional a apertura dunha causa por crimes contra da humanidade esixindo as responsabilidades penais correspondentes.

O goberno español, ademais, debería tomar de inmediato as medidas diplomáticas e xurídicas necesarias para garantir a seguridade dos cooperantes españois que viaxan no barco atacado e para que este novo atentado israelita non quede impune. Non é suficiente cunha condena formal ou con chamar a consultas ó embaixador de Israel en España.

Como presidencia de turno da UE ten a posibilidade de que esta barbarie non quede, unha vez máis, nunha condena verbal, ou nunha mostra de indignación mediática, tomando xa que logo as medidas precisas, especialmente económicas, para presionar a Israel, usando o mesmo baremo que utiliza noutros conflitos, propondo as sancións correspondentes.


5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: