Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
71 MÁIS NOS ÚLTIMOS DOUS ANOS

Mesmo en tempos de crise, a Xunta págalles o plus de altos cargos a 192 funcionarios

O persoal que ocupou un posto político ten dereito a percibir até 15 mil euros anuais a maiores ao volver ao seu posto de traballo. Pero, canto cobra a 'aristocracia' da administración pública? Dámoslles algúns datos.

R.Vilar - 09:30 28/05/2010

Nun momento no que a clase política se afana en xestos de austeridade para dar exemplo diante da opinión pública, o polémico plus de altos cargos aprobado por unanimidade en xullo de 2007 polo Parlamento segue a manterse como privilexio. Segundo lle confirmaron dende a Consellaría de Facenda a Vieiros, neste momento hai 192 funcionarios acollidos a esta retribución extraodrinaria (71 máis ca en xuño de 2008, cando este xornal solicitara tamén información ao respecto).

A chamada disposición adicional 17 (que estaba incluída na Lei de Función Pública de Galiza) permite cobrar un sobresoldo de até 15 mil euros ao ano a todos aqueles funcionarios da Xunta que "desempeñen ou tivesen desempeñado durante máis de dous anos continuados ou tres con interrupción postos de traballo como director xeral ou superior, director xerente de órganos ou entidades públicas(...)". A este beneficio tamén se poden acoller os alcaldes e parlamentarios que sexan funcionarios dependentes de San Caetano.

Dende Facenda alegan que a maioría dos 192 funcionarios que demandaron o plus de altos cargos xa tiñan consolidado o nivel 30 (o máximo complemento de destino da Xunta) e polo tanto "só" vén incrementadas as súas nóminas en 3.500 euros ao ano. Porén, dende a consellaría afirman que non poden dar o coste global por que "habería que mirar nómina a nómina" xa que no orzamento as partidas van incluídas nos complementos de destino.

Aínda que o Goberno non facilita a cifra exacta, como dato orientativo hai que subliñar que en xuño de 2008 os 121 funcionarios que cobraban o plus adicional supoñían un custe anual, segundo o bipartito, de algo máis de 487 mil euros. Cunha simple extrapolación daqueles datos poderíase afirmar que a día de hoxe a Xunta gasta, como mínimo, 800 mil euros ao ano neste complemento especial.

Pero canto cobra un beneficiado co plus de altos cargos?

A táboa salarial de 2010 marca que un funcionario A 30 cobra un mínimo (entre salario base e complementos fixos) de 52.430 euros ao ano. No caso das nóminas das 192 persoas acollidas á disposición adicional 17 este mínimo chega aos 55.930 euros anuais brutos. A esta cantidade habería que sumarlle outros conceptos como é a antigüidade (625 euros anuais a maiores por trienio traballado) ou, no caso de funcionarios con responsabilidades específicas, outro tipo de indemnizacións e complementos extraordinarios.

A listaxe dos funcionarios que cobran o complemento exclusivo por teren sido altos cargos políticos é secreta. En abril de 2009, logo dunha petición deste diario dixital, dende a Xunta respostaban que esa información estaba resgadardada pola Lei de Protección de Datos. Dende o executivo sinalaban que non era aplicábel a Lei de Transparencia xa que esta só se aplica aos cargos políticos que están no poder e non aos que xa non teñen responsabilidade de goberno.

Encarna Otero, un caso único de renuncia pública ao privilexio

Apenas dúas semanas despois de que o Parlamento lle dese luz verde ao pluses de altos cargos, a daquela directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, publicou un artigo en Vieiros que tivo unha gran repercusión. A veterana política nacionalista fixo "un chamamento á desobediencia política no acatamento desta norma e a insubmisión económica como criterio ético para deste xeito contribuír a que Galiza e o seu Goberno sexan mostra de ética rexenerativa".

Encarna Otero, que renunciou a acollerse a este complemento cando se reincorporou ao ensino, segue a pensar que aquela aprobación foi un grave erro. E aínda que reitera que o principal culpábel da crise económica ten nomes e apelidos (o gran capital e a banca), Otero cre que o Parlamento debería dar un paso simbólico de cara á sociedade botando abaixo este privilexio e instando a que se faga en todas as administracións do Estado Español onde exista.

Hai que lembrar que o pasado mes de decembro o Parlamento, cos votos de conservadores e socialistas, tirou abaixo unha iniciativa lexislativa popular da CIG, que fixo campaña contra o polémico plus. O BNG, que no seu día apoiara a Lei de Función Pública, decidiu rectificar o seu posicionamento poucos meses despois da aprobación e pediulle aos seus militantes que renunciasen á prebenda.


4,79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



O Parlamento aprobou a Lei da Función Pública en xullo de 2007
O Parlamento aprobou a Lei da Función Pública en xullo de 2007
A CIG impulsou unha Iniciativa Lexislativa Popular contra o plus que non saíu adiante
A CIG impulsou unha Iniciativa Lexislativa Popular contra o plus que non saíu adiante
Sendo directora xeral, Encarna Otero, opúxose publicamente á prebenda
Sendo directora xeral, Encarna Otero, opúxose publicamente á prebenda
Feijoo deixou o plus de altos cargos a salvo do seu "programa de austeridade"
Feijoo deixou o plus de altos cargos a salvo do seu "programa de austeridade"