Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DEZ MESES DESPOIS DE APROBARSE A LEI DE FUNCIÓN PÚBLICA

O plus de altos cargos xa lle chega cada mes á nómina de 121 funcionarios

Os traballadores públicos que estivesen durante máis de dous anos en postos de responsabilidade política teñen dereito a percibir complementos anuais de 15 mil euros.

R.Vilar - 14:30 12/06/2008

Dende que entrou en vigor a Lei de Función Pública de Galiza, 121 funcionarios xa se acolleron ao denominado plus de altos cargos. A chamada disposición adicional 17 permítelle cobrar un sobresoldo anual de 15.006 euros (coa última actualización de 2008) a todos aqueles funcionarios da Xunta que “desempeñen ou tivesen desempeñado durante máis de dous anos continuados ou tres con interrupción postos de traballo como director xeral ou superior, director xerente de órganos ou entidades públicas(...)”. A este beneficio tamén se poden acoller os alcaldes e parlamentarios que sexan funcionarios dependentes de San Caetano.

Dende a Consellaría de Presidencia sinalan que a polémica disposición 17 da Lei de Función Pública só lle está a custar a administración, polo de agora, 487 mil euros ao ano. Este departamento explica que a gran maioría das 121 persoas que solicitaron o plus de altos cargos xa tiñan consolidado o nivel 30 (o máximo complemento de destino da Xunta), que lles dá dereito a 11.946 euros brutos. Este beneficio para altos cargos aplícase dende 1998. A maiores, grazas á disposición 17 aprobada o ano pasado, os funcionarios perciben outros 3.060 euros anuais.

Coa reforma da Lei de Función Pública, o Goberno quería introducir unha regulación análoga á que existe dende 1991 na administración española. Cos cambios propostos polo bipartito os altos cargos galegos acadan os mesmos complementos de destinos (15.006 euros) ca os directores xerais do Estado, que nesta administración teñen un nivel de complemento 33 (coñecido ironicamente polo funcionariado como “súper-trinta”). Como en Galiza o nivel máximo dos funcionarios é 30, o Goberno precisaba introducir esta disposición para homologar retributivamente os altos cargos cos españois.

A CIG leva recollidas máis de 20 mil sinaturas en contra dos pluses

Dende hai meses a Confederación Intersindical Galega leva a cabo unha recollida de sinaturas para que o Goberno derogue os pluses. O sindicato nacionalista ten xa recollidas máis de 20 mil sinaturas que presentará para en forma de Iniciativa Lexislativa-Popular para forzar a que o Parlamento volva discutir a disposición 17.

Dende a CIG consideran que os pluses son pouco democráticos porque crean “unha profunda fenda entre o funcionariado de carreira e o resto de cidadáns que, non sendo funcionarios públicos, desempeñaron ou van desempeñar nalgún momento das súas vidas cargos públicos ou de representación política”. Ademais desta discriminación, o sindicato cre que o Parlamento obviou ao aprobar os sobresoldos “a realidade dun país en que os salarios da maioría dos traballadores se sitúan por baixo da cantidade prevista para un director xeral só en concepto de complemento de destino”.

Mais as críticas non só viñeron dende a CIG, un dos exemplos máis concretos foi o da directora xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero. A política nacionalista publicou en Vieiros un artigo moi crítico coa medida aprobada unanimemente do Parlamento.

Unha pataca quente ao remate da lexislatura

O Parlamento terá que tratar este outono a proposta de derrogación do plus de altos cargos. A iniciativa, que foi aprobada no seu momento polas tres forzas da Cámara, provocou posteriormente diferenzas entre os partidos. Logo das críticas, tamén internas, en setembro do ano pasado o BNG recoñecía que aprobar a disposición 17 fora un erro e mostrábase aberto a unha posíbel derrogación. PSdeG e PPdeG pedíronlle responsabilidade e coherencia aos nacionalistas e opuxéronse publicamente aos cambios.


4,3/5 (20 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: